BNG e PSdeG urxen a Rueda solucións para Galicia ante un Feijóo xa en Madrid "que segue cobrando dos galegos"

Rueda este luns nun acto de promoción do turismo náutico CC-BY-SA Xunta de Galicia

Pontón cualifica os 13 anos do popular á fronte da Xunta como “o goberno do non” aos intereses de Galicia, e Formoso considera que “renunciou a todo aquelo que puidera supor un conflito”

Máis de dous meses despois do inicio da crise do PP estatal que vén de facer presidente do partido ao aínda titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a súa dimisión deste cargo e o nomeamento como o seu substituto de Alfonso Rueda seguen sen concretarse. Porén, a oposición de BNG e PSdeG xa centran no segundo as esixencias de políticas concretas que solucionen os problemas de Galicia fronte a un Feijóo ao que presentan xa coa cabeza completamente en Madrid “pero que sen embargo segue cobrando o seu salario dos galegos e das galegas”, en palabras da portavoz nacionalista, Ana Pontón.

Este luns, con Feijóo sen axenda oficial en Galicia e con Rueda con dous actos de promoción turística e mellora da atención a peregrinos, tanto Pontón como como o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, fixeron balance dos 13 anos de goberno popular. Ademais de achegar os dous datos como a perda de poboación, de postos laborais, de centros de ensino ou sobre o deterioro da sanidade pública, a primeira salientou o feito de que a súa presidencia sexa a única de toda a historia da Xunta que non sumou novas competencias para Galicia.

Ana Pontón na súa comparecencia en rolda de prensa deste luns CC-BY-NC-SA BNG

O de Feijóo, di Pontón, foi “o goberno do non” porque “di non a todo o que significa a defensa de Galicia”. Tras considerar xa parte do pasado a un Feijóo que “leva os últimos meses dedicado a solucionar os problemas do PP pero que sen embargo segue cobrando o seu salario dos galegos e das galegas”, Pontón pon o foco en Rueda, “un presidente accidental que vai ter as mans atadas, por un lado coas baronías e por outro co centralismo madrileño, atado a Génova aínda máis que antes”. “Rueda o que significa é a desfeita que nos deixan os gobernos do PP, as vellas receitas fracasadas que están levando Galiza a menos”, di a nacionalista, que considera que “se necesitan novas ideas” que ao seu ver pode achegar o BNG.

Desde o PSdeG este luns o seu líder, Valentín González Formoso, que se reuniu con persoal sanitario, centrouse no balance en negativo dos mandatos de Feijóo mentres o seu portavoz parlamentario, Luis Álvarez, puxo o foco en Rueda. “Tiñamos menos parados, moitísima menos débeda, había máis xente en Galicia, incluíndo máis xente moza, e investigábase máis do que hoxe se investiga”, resumiu o primeiro, para quen Feijóo “renunciou a todo aquelo que puidera supor un conflito”. Pola súa banda, Álvarez tendeu a man a Rueda, pero advertíndolle de que “ten que mudar absolutamente o xeito de facer política, meramente propagandístico” do seu antecesor.

Valentín González Formoso nunha reunión con persoal sanitario este luns CC-BY-NC-SA PSdeG

“O importante son os problemas dos galegos e galegas, non as estatísticas nin pintar unha realidade para a opinión pública que nada ten que ver coa realidade social actual”, sinalou o voceiro socialista, quen pediu a Rueda que teña “ambición” para “cambiar os erros de Feijóo” e paliar a “falla de medidas” tomadas neste tempo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.