Derradeiro pleno para o presidente Feijóo mentres o PP sitúa Galicia na "normalidade extraordinaria"

Alfonso Rueda, presentando o lema da súa campaña interna como candidato á sucesión de Feijóo no PPdeG nas instalacións do partido en Pontevedra, do que ata agora é presidente provincial CC-BY-SA PPdeG

O Parlamento de Galicia principiou este martes, 26 de abril de 2022, o seu pleno ordinario. No inicio da súa segunda xornada, como é habitual, acollerá as preguntas da oposición ao presidente da Xunta, a coñecida como sesión de control. Será, con toda probabilidade, a derradeira na que o destinatario das preguntas sexa Alberto Núñez Feijóo, que de aí en diante non volverá a unha sesión plenaria como presidente do Goberno galego con plenas funcións. 

Con Alfonso Rueda xa encamiñado cara á sucesión no PPdeG, a dimisión do presidente da Xunta non pasará desta semana

Xa pasaron máis de dous meses dende o estoupido definitivo da crise interna do PP que acabou con Feijóo encabezando aos sublevados contra Pablo Casado e ascendendo ao liderado do partido por aclamación. Os pactos e cesións entre as baronías provinciais dos populares galegos encamiñaron cara á sucesión a un Alfonso Rueda que este martes, precisamente, presentaba o seu lema de campaña interna botando man de metáfora xacobea e galicismo: "Galicia, o Camiño a seguir", proclama co propósito de "defender a normalidade extraordinaria de Galicia", di.

Feijóo, este 26 de abril na Cidade da Cultura, no que será un dos seus últimos actos como presidente da Xunta CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Coa cuestión do partido resolta -ou, cando menos, atada-, a dimisión do xefe do Goberno galego cando non chegou nin o ecuador da lexislatura vira en inminente e non pasará desta semana. Nesta liña, a preguntas da prensa tras reunirse co conselleiro delegado de Altri -que concretou a súa aposta por instalar en Palas de Rei a fábrica de fibras téxtiles que impulsa en parcería coa sociedade de Abanca e a Xunta-, Feijóo sinalou que o anuncio da súa dimisión chegará "inmediatamente". 

Feijóo di prever comunicar a data exacta da súa marcha no Parlamento, onde este mércores protagonizará a súa derradeira sesión de control. Rueda, pola súa banda, di aspirar a unha "transición tranquila e exemplar" no partido e a unha maioría absoluta en 2024

O que ten previsto, di, é comunicar no Parlamento "o día exacto" no que se converterá no primeiro presidente da historia da Xunta en renunciar ao posto, facéndoo así saber de forma "simultánea" á cidadanía. Unha posibilidade para esa comunicación á Cámara é que utilice a derradeira sesión de control para revelar cando prevé presentar a dimisión. A xornada elixida pode ser a do vindeiro xoves, cando previsiblemente presidirá o Consello da Xunta con plenos poderes por derradeira ocasión. 

Ese día, o xoves 28 (20:00h), finaliza o prazo de presentación de candidaturas para o congreso extraordinario no que o PPdeG aclamará a Rueda como sucesor orgánico. Deste xeito, o venres 29 Rueda sería xa o candidato único á remuda no partido e poderíase facer efectiva a dimisión do presidente. Como marca a lei, cesaría o Goberno en pleno para pasar a estar tamén en funcións. Activarase deste xeito por primeira vez o proceso parlamentario para a remuda gobernamental por dimisión do titular da Xunta, o presidente do Parlamento realizará a correspondentes rolda de consultas e o Grupo Popular, único con votos dabondo, proporá a investidura de Rueda.

Feijóo, na sesión de control do pasado 5 de abril, cando viña de ser proclamado novo líder estatal do PP CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

O calendario dos conservadores contempla que o proceso parlamentario e gobernamental quede finalizado contra mediados de mes e, deste xeito, Rueda chegaría ao congreso sucesorio do PP xa como presidente da Xunta. Mesmo xa podería acudir aos actos do Día das Letras como xefe do Goberno galego. O seu propósito, defendeu este martes -formalmente como precandidato ao liderado do partido-, é facer "unha transición tranquila e exemplar" e "facer un proxecto gañador" para lograr unha maioría absoluta nas urnas de 2024. O congreso, tal e como está previsto, non incluirá debate de docuemento político ningún e limitarase á remuda nos postos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.