Do 'pazo de Pachi' a unha pancarta en Melide

Membros das Novas Xeracións do PP, ante a casa de Pachi Vázquez, na altura líder do PSdeG, en setembro de 2009 © Vieiros

Silleda, 26 de setembro de 2009. No recinto da Semana Verde vai sol, mesmo calor. Milleiros de militantes e simpatizantes do PP acoden á chamada para unha festa-mitin na que celebraren que medio ano antes o partido retornou á Xunta grazas á maioría absoluta lograda por Alberto Núñez Feijóo.

Entre os discursos de Feijóo, Mariano Rajoy e os líderes provinciais, a música de Los Limones e as racións de empanada a cúpula da formación vela por que non se deixen ver xuntos os concelleiros do PP de Silleda, que ultiman unha moción de censura apoiada nun tránsfuga contra a alcaldesa socialista da vila. Entre as mesas circula, asemade, un ruxerruxe: vai pasar algo diante da casa do daquela secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, na altura líder da primeira forza da oposición.

Feijóo, nunha xuntanza en 2010 con Pachi Vázquez, daquela secretario xeral do PSdeG CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

E, efectivamente, algo pasou. Apenas vinte e catro horas despois da festa en Silleda, ante a casa de Vázquez no concello ourensán de San Amaro concentrábanse unhas dúas ducias de membros das Novas Xeracións do PP. Con pancartas acabadas de saír da imprenta, amosaban lendas como "Pachi, así sí hay quien viva", "Hacienda somos todos" ou "La próxima fiesta, en el pazo de Pachi ¡Pásalo!". Con elas acusaban ao que fora conselleiro de Medio Ambiente de non pagar as taxas municipais que correspondían por unhas reformas na vivenda que, aseguraban, foran moito máis profundas do comunicado ao consistorio.

Aos poucos meses de retornar á Xunta, o PP enviou as súas Novas Xeracións a manifestarse ante a casa do daquela secretario xeral do PSdeG e líder da oposición nunha acción avalada abertamente pola dirección galega dos populares

Os populares explicaban que aquela manifestación se celebrara "co maior dos respectos" e tiña como obxectivo evidenciar que "para o PSOE non todos os cidadáns somos iguais". A cuestión aínda ecoaría nos argumentarios do PP durante semanas, mesmo meses, tras unha mobilización que a dirección do partido, a comezar polo propio Feijóo, avalaran abertamente.

O asunto da casa -"o pazo", en verbas dos populares- de Pachi Vázquez ocupou non poucos minutos de roldas de prensa e tirapuxas parlamentarios naqueles meses. Canda outros como a alcumada "trama agraria", a acusación de desvío de subvencións públicas para o suposto beneficio do PSdeG que a Xustiza acabaría arquivando anos despois.

Feijóo, anunciando o inicio dos contactos para a fusión das caixas en novembro de 2009, flanqueado polos daquela presidente e director xeral de Caixanova e Caixa Galicia © Conchi Paz

Sucedía nun tempo nuns meses nos que o gabinete de Feijóo preparaba os seus primeiros Orzamentos nun complexísimo escenario económico que obrigaba aos recortes por mor da caída da recadación en plena recesión económica. Os mesmos meses nos que a Xunta impulsaba a fusión de Caixanova e Caixa Galicia, que acabaría quebrando e rescatada con máis de 8.000 millóns de euros públicos. E nos que, a nivel estatal, a dirección conservadora de Rajoy se esforzaba en desligarse do caso Gürtel.

'O pazo de Pachi' ou a "trama agraria" consumían non pouca enerxía política mentres o Goberno do PP comezaba a aplicar recortes en plena crise ou impulsaba a despois quebrada fusión de Caixanova e Caixa Galicia. Dezaseis anos despois, a política galega rima

Estas cuestións, de profundísima relevancia tamén eran obxecto de análise e discusión na Galicia daquel tempo. Pero o pazo de Pachi ou a "trama agraria" consumían non pouca enerxía política a quen daquela tiña o cometido de liderar a oposición e, sobre todo, permitían ao triunfante PP ter un argumentario alleo á crise económica e os recortes que, ao tempo, lle permitía botar sal nas feridas da esquerda á que lograra desaloxar da Xunta pouco antes.

Entre a lei dos medios públicos unha protesta contra Altri

Coas obvias diferenzas polo paso do tempo, as últimas semanas da política galega riman, en boa medida, con aquel outono de 2009. Así, por exemplo, o pleno do Parlamento vén de aprobar a súa primeira lei de 2025, a que rexerá de agora en diante os medios públicos de comunicación, sometidos á segunda gran reforma da súa historia. O texto, como é sabido, trae consigo múltiples e relevantes implicacións, dende a simbólica perda da denominación CRTVG ata a vía aberta para que o PP nomee a dirección xeral só cos seus votos nunha corporación que non estará controlada pola autoridade audiovisual independente que esixe a Unión Europea.

Concentración de persoal da CRTVG en folga e de entidades que o apoian fronte ao Parlamento o pasado martes, durante a aprobación da nova lei de medios CC-BY-SA Praza.gal

Esta aprobación produciuse no mesmo pleno no que BNG e PSdeG volveron pedir contas ao presidente polo seu previsible "non" a que o Goberno de España asuma parte da débeda galega, como vai facer con outras autonomías. Tamén na mesma semana na que o Consello da Xunta deu o seu visto e prace a que o Instituto Galego de Estatística pase a ter dependencia directa da Presidencia da Xunta e na que o Tribunal Superior de Xustiza confirmou a anulación da "privatización das avaliacións ambientais" aprobada por Feijóo e culminada por Rueda.

Na semana en que quedou aprobada a profunda reforma dos medios públicos ou o TSXG anulou a "privatización das avaliacións ambientais" aprobada por Feijóo e culminada por Rueda, o PP sobe os decibeis esixindo condenas a unha concentración contra Altri en Melide que sinalan como intimidación e ameazas á conselleira Ángeles Vázquez

Mentres todo isto sucede, o PP galego subiu os decibeis con outras cuestións máis de forma que de fondo que capitalizaron as intervencións dos seus diversos líderes durante os últimos días. Especialmente con unha, a protesta de membros do colectivo Melide Vivo contra o proxecto de Altri en Palas de Rei que, aproveitando unha carreira celebrada na vila melidá co gallo do 8M, fixeron ver a súa reivindicación parando en varios puntos do percorrido. Tamén preto da casa da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, portando unha pancarta na que lle lembraban que "tamén ten familia" para poñer o foco na incidencia que, ao seu xuízo, tería a fábrica na saúde da poboación.

A Xunta, o PP e mais a súa contorna identificaron decontado esa protesta coa violencia, con "ameazar e intimidar" a conselleira e á súa familia, cun cruzamento de "liñas vermellas" que, afirmou o conselleiro Diego Calvo, é propio da "política do BNG". A esixencia de "condena" ao Bloque centrou o argumentario dos conservadores durante a semana. Así foi con independencia de que a formación soberanista, allea á convocatoria, emitise un comunicado evidenciando esa "condena" a "calquera tipo de intimidación ou ameaza" a cargos públicos e "a súa contorna persoal" e o "apoio" a Vázquez se foi o seu caso.

Quixo a casualidade que, no remate da semana, a Xunta fixese pública a declaración de impacto ambiental para a factoría de Altri. Como é sabido, considerouna "ambientalmente viable".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.