En resposta a unha pregunta sobre seguridade formulada por eurodeputados de varios países, entre elas a galega Ana Miranda, a Comisión Europea di que supervisa se catro estados cumpren a directiva de 2016 e dous a de 2004, entre eles España
O pasado 6 de xullo altos cargos da Comisión Europea confirmaron que o accidente de Angrois está por tras do procedemento de infracción que hai aberto contra España por como está a aplicar a directiva europea de seguridade ferroviaria de 2004.
Agora a propia comisaria de Transportes, Adina Vălean, confirma que de todos os estados da Unión Europea só España e Portugal están sometidos a un procedemento de infracción polo incumprimento daquela directiva de 2004, mentres que outros catro o están por outra directiva posterior de 2016 (Alemaña, Polonia, Chequia e o Reino Unido por feitos ocorridos antes da súa saída da UE).
O detalle dos estados aos que a Comisión Europea mantén abertos actualmente procedementos de infracción por incumprimentos da normativa ferroviaria comunitaria é ofrecido pola comisaria en resposta a unha pregunta sobre seguridade nese medio de transporte formulada por eurodeputados de sete países, incluída Ana Miranda, do BNG.
A investigación a España analiza "deficiencias" nas investigacións de sinistros e se están a facerse "avaliacións de risco adecuadas", dúas cuestións relevantes no accidente de Angrois
Na súa resposta a comisaria europea sinala que a Comisión "supervisa continuamente a transposición e aplicación das directivas de seguridade ferroviaria por parte dos estados membros", nomeadamente a Directiva 2004/49/CE e a Directiva 2016/798. E identifica os dous estados que teñen "procedementos de infracción en curso" pola norma de 2004 e os catro da norma de 2016.
No caso de España, o procedemento de infracción, aberto en 2019, analiza entre outras cuestións "deficiencias" nas investigacións técnicas oficiais de accidentes (a de Angrois que culpou só o maquinista foi cuestionada pola Axencia Ferroviaria Europea) e se están a facerse "avaliacións de risco adecuadas" das liñas ferroviarias, (elemento clave polo que xunto co maquinista está a ser tamén xulgado polo accidente de Angrois un ex-director de Seguridade de Adif).
Sobre este procedemento de infracción e a súa relación con Angrois pronunciáronse o pasado 6 de xullo o director da Axencia Ferroviaria Europea, Josef Doppelbauer, e o director de Transporte Terrestre da Dirección Xeral de Mobilidade da Comisión Europea, Kristian Schmidt, nunha xornada sobre seguridade ferroviaria organizada no Parlamento Europeo precisamente por Ana Miranda, especialmente implicada nas derivadas comunitarias do accidente de Angrois.
Nese foro os altos cargos comunitarios ligaron en todo momento de xeito directo o procedemento de infracción aberto a España co accidente de Angrois, remitindo ao mesmo ás vítimas que lles preguntaron polo futuro do seu caso en Europa. Unha relación que Schmidt xa establecera hai un ano por escrito.
No caso do outro procedemento de infracción que segue aberto por incumprimentos da norma de 2004, o de Portugal, a Comisión detectou "deficiencias en relación coa supervisón dos sistemas de xestión da seguridade das empresas ferroviarias e os administradores de infraestruturas, no seguimento das recomendacións de seguridade emitidas polos organismos de investigación e a capacidade organizativa da autoridade necional de seguridade de Portugal".
A resposta que agora dá a comisaria europea ás preguntas dos eurodeputados sobre a seguridade ferroviaria en Europa tamén asegura que non se detectou a necesidade de modificar a normativa europea. Pola contra, admítese que a Axencia Ferroviaria Europea, que supervisa aos estados, podería "ampliar significativamente" as súas competencias con "recursos adicionais", o que suporía "uns ferrocarrís máis seguros e interoperables na UE".