Os anuncios de prostitución son, dende principios de 2023, legalmente considerados como "publicidade ilícita". Culminou así un veto legal que estivo a piques de facelo década e media antes, co Goberno de Zapatero, a partir dun informe do Consello de Estado con amplo aval político. Iso non impediu, non obstante, que nese mesmo ano máis de cen mil mulleres estivesen en situación de prostitución por esta canle, como acreditou un estudo da Delegación do Goberno de España contra a Violencia de Xénero mediante unha detallada análise de anuncios en internet.
O agora líder do PP teima en ligar a Pedro Sánchez co "abominable negocio da prostitución" unha década despois de que o seu grupo impedise excluír do financiamento público os medios que publicasen anuncios que dende 2023 son legalmente "publicidade ilícita" en todo o Estado
Diversos sitios web veñen sendo, precisamente, os principais soportes duns anuncios de prostitución que ata hai ben poucos anos supuñan un substancioso negocio para moitas empresas editoras de medios de comunicación, fundamentalmente a través das seccións de anuncios por palabras de xornais impresos. Cando aínda o eran, hai apenas unha década, a daquela oposición parlamentaria galega instou formalmente o Goberno de Alberto Núñez Feijóo a retirar as súas axudas aos medios que os publicasen e o grupo encabezado polo actual líder estatal do PP impediuno.
Aqueles debates de hai case dez anos ecoan na actualidade de 2025 por mor da estratexia lanzada por Feijóo en Madrid na última semana. A centrada en sinalar persoalmente como "partícipe a título lucrativo do abominable negocio da prostitución" ao presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez.
Para facelo, o ex-titular da Xunta apóiase en publicacións que, como publicaron elDiario.es e La Vanguardia, levan anos manexando material da policía patriótica do Goberno de Rajoy e do encarcerado ex-comisario Villarejo. Céntranse en negocios -saunas en Madrid orientadas a homes homosexuais, segundo transcendeu- do falecido pai de Begoña Gómez, esposa de Sánchez, para tentar "matalo politicamente" cando gañou por primeira vez o liderado do PSOE.
Os populares galegos aseguraran estar en contra dese tipo de publicidade, pero afirmaban preferir a autorregulación dos propios medios. As ordes de axudas da Xunta á prensa nunca incluíron os anuncios de prostitución como motivo de exclusión
Paradoxalmente, esas publicacións difundíanse mentres en Galicia se producía o devandito debate sobre a retirada de fondos e publicidade pública a medios que publicasen anuncios de negocios, este si, explicitamente dedicados á prostitución. Fora, concretamente, a raíz dunha iniciativa presentada polo grupo Alternativa Galega de Esquerda (AGE) que apoiaran PSdeG e BNG pero que rexeitara o PP. Os populares reiteraran o seu rexeitamento a ese tipo de publicidade, pero apostaran pola autorregulación dos propios medios.
Aquela iniciativa tentaba concretar de vez un acordo unánime acadado polo propio Parlamento anos antes, en 2012. Daquela, nun debate de política xeral os populares sumáranse á petición dos socialistas -secundada tamén polo Bloque- para "promover a eliminación dos anuncios de contactos de prostitución en Internet e nos medios de comunicación" publicados en Galicia.
Esa unanimidade ía na liña de declaracións públicas das sucesivas responsables da Secretaría Xeral de Igualdade, como evidenciar que por tras deses anuncios estaban "as mafias que trafican con mulleres" e por iso eran "inadmisibles nunha sociedade que traballa por lograr a igualdade real". Non obstante, as ordes de axudas do Goberno galego á prensa nunca incluíron unha cláusula específica de exclusión para a prensa que publicase uns anuncios de prostitución -si insiren outros vetos, como a entidades sen ánimo de lucro- que foron desaparecendo aos poucos dos xornais. Quer por renuncias expresas das empresas editoras a publicalos, nalgúns casos, quer polo seu traslado a outros puntos de internet.