O PSdeG promete un goberno con máis emprego e conquistas sociais e pecha filas con Besteiro

Pedro Sánchez e José Ramón Gómez Besteiro ao remate do derradeiro mitin de campaña CC-BY-SA PSdeG

"Desde fóra sempre vemos a Galicia como unha sociedade profundamente progresista, que non se resigna ao inmobilismo, que sempre quere máis", salientou Pedro Sánchez no peche de campaña do PSdeG, que encheu o pavillón das Fontiñas

“Quedan dous días para que amezamos todos nunha marabillosa Galicia, para deixar atrás esa casa das leas que representa o PP”. O candidato socialista José Ramón Gómez Besteiro dirixiuse no derradeiro mitin desta campaña do 18F a un ateigado pavillón das Fontiñas, en Santiago de Compostela, acompañado polo presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, e polas candidatas e candidatos socialistas. “Nós non representamos viaxes a ningunha parte, representamos o cambio seguro. Ese é o noso valor. A papeleta do PSdeG é a do cambio seguro garantido”, asegurou Besteiro.

O candidato socialista botou o resto nun mitin no que Pedro Sánchez lle pediu que o pasara ben, porque as campañas hai que gozalas. Besteiro repasou estas dúas semanas de campaña electoral e deu cun resumo para o que fixo o seu adversario político: “A historia comezou co PP pedíndolle a Vox que non se presentara, e rematou cos de Vox pedíndolle aos votantes do PP que os voten”.

Así, criticou a mensaxe que este venres recibiron milleiros de traballadoras e traballadores do Sergas anunciando melloras de soldos a 12 horas da fin da campaña e advertiu de que o seu goberno vai “rescatar” a sanidade pública galega tras 15 anos de “desleixo” do PP. “A democracia non se compra e o voto das galegas e dos galegos non se compra”, defendeu.

Pavillón de Fontiñas (Santiago) no peche de campaña do PSdeG CC-BY-SA PSdeG

"A papeleta do PSdeG é a do cambio seguro garantido", di Besteiro

“Mentres –dixo Besteiro sobre a campaña– nós ao noso: máis empregos, máis industria, máis dereitos e máis ambición de país. Rescatar a sanidade pública e apoiar unha axuda á dependencia pública. Máis vivenda pública e ensino público, con libros gratuítos no ensino de volta. Máis financiamento para Galicia e mellor. Máis pensións, porque revalorizar as pensións si que nos preocupa aos galegos. Máis revolución dixital. Máis transición ecolóxica. E máis galego tamén”.

"A democracia non se compra e o voto das galegas e dos galegos non se compra", defende Besteiro

Unha militancia disciplinada coreou e aplaudiu incesantemente durante o mitin, que contou na primeira liña coa presidenta do PSdeG, Carmela Silva; co seu secretario xeral, Valentín González Formoso; co alcalde de Vigo, Abel Caballero; e co eurodeputado socialista Nicolás González Casares, entre outros moitos cargos socialistas que non se perderon esta cita fundamental antes dun domingo que xa todos apelidan “histórico”.

Este venres non quedaba unha soa cadeira baleira entre o público, pero tampouco no espazo de prensa, con medios de todo o Estado que levan 15 días seguindo a campaña dunhas eleccións galegas máis estatalizada que se lembra. A xente agardou pacientemente ata que viu aparecer a Besteiro e Sánchez polo corredor lateral do pavillón. Un Sánchez con chaqueta marrón e sorriso permanente parouse con todo o mundo de camiño ao escenario, onde agardaban as catro candidatas socialistas: a número dous por Lugo Lara Méndez e as cabezas de lista por Pontevedra (Elena Espinosa), Ourense (Carmen Dacosta) e A Coruña (Patricia Iglesias).

Lara Méndez, Carmen Dacosta, Elena Espinosa e Patricia Iglesias no escenario CC-BY-SA Ana G. Liste/Praza.gal

“Grazas, Pedro, por todo, porque demostraches que a Moncloa pensa en galego e que, xunto cos socialistas galegos, temos unha axenda para o futuro”, agradeceu Besteiro o presidente do Goberno central e líder do PSOE, que se desfixo en abalanzas ao pobo galego: “Desde fóra sempre vemos a Galicia como unha sociedade profundamente progresista, que non se resigna ao inmobilismo, que sempre quere máis. Que ve como os seus fillos e fillas teñen que marchar porque non teñen oportunidades, porque hai un goberno na Xunta que non cre en Galicia”, sostivo Sánchez.

"Se ese medio millón volve votar socialista, a partir do domingo aquí haberá un goberno centrado no emprego, nas conquistas sociais e na convivencia", destaca Sánchez

O pasado 23 de xullo, lembrou Pedro Sánchez, máis de medio millón de galegas e galegos votaron o PSOE nas eleccións estatais. “Grazas a iso hoxe temos un goberno progresista que revaloriza as pensións, sobe o salario mínimo e protexe as mulleres da violencia machista. Se ese medio millón volve votar socialista, a partir do domingo aquí haberá un goberno centrado no emprego, nas conquistas sociais e na convivencia. As siglas do cambio, tanto en Galicia como en España, son as do PSOE”, salientou.

“Hai unha conexión directa entre a Moncloa e a Xunta de Galicia”, reforzou Sánchez entre aplausos. “A mellor noticia para Galicia sería ter dous presidentes socialistas, un na Xunta e outro no Goberno de España, porque defenderíamos aínda máis ao sector primario, ao sector pesqueiro e á industria do país”, proclamou.

“Este domingo, enchendo as urnas seremos protagonistas dun cambio histórico en Galicia. Mozos e mulleres van liderar ese cambio en Galicia. Desta si que vai!”, destacou Besteiro, que rematou a xornada no encontro das Xuventudes Socialistas no pub Sónar de Santiago.

Besteiro e Sánchez este venres en Santiago CC-BY-SA Ana G. Liste/Praza.gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.