O Supremo ratifica a "máis que evidente represalia" sufrida por un traballador da empresa pública Seaga

Imaxe de arquivo dunha protesta contra a empresa pública Seaga © CIG

O empregado xestionaba o persoal das brigadas contra incendios da Xunta malia estar contratado a través de varias ETT e foi despedido tras denunciar cesión ilegal, pero o alto tribunal, co apoio da Fiscalía, fai firme a obriga de readmitilo

O Tribunal Supremo vén de facer firme unha sentenza que condenou á empresa pública Seaga, propiedade da Xunta e adscrita á Consellería do Medio Rural, por despedir un empregado como unha “máis que evidente represalia” por reclamar os seus dereitos laborais. O traballador viña sendo contratado a través de empresas de traballo temporal (ETT) para xestionar a contratación do persoal temporal das brigadas de loita contra incendios, pero encargábase tamén doutros trámites da empresa pública e cando denunciou a súa cesión ilegal reclamando ser persoal indefinido da propia Seaga foi despedido.

O conselleiro de Medio Rural, José González, nunha visita a un incendio forestal nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

A orixe do preito que agora dá por rematado o Supremo coa condena de Seaga remóntase a marzo de 2008, momento desde o que o traballador viña prestando servizos para a empresa pública a través de sucesivos contratos con empresas de traballo temporal. En Seaga encargábase, entre outras cuestións, de tarefas administrativas relacionadas coa xestión do persoal que a empresa pública contrata para campañas temporais como as de loita contra o lume. Pero facía tamén outro tipo de xestións, para o que tiña acceso aos programas informáticos de xestión de persoal da Xunta, atendía instrucións da administración e mesmo empregaba un vehículo oficial.

En 2019 o traballador reclamou ter a condición de persoal indefinido da propia Seaga por cesión ilegal por parte das empresas de traballo de temporal. Celebrouse un acto de conciliación sen acordo entre as dúas partes e oito días despois a empresa pública comunicou á ETT e ao propio traballador o seu cesamento. O traballador presentou unha demanda e un xulgado do Social de Santiago declarou nulo o seu despedimento e condenou a Seaga á súa readmisión nas condicións anteriores a que o botasen e á empresa pública e á ETT a pagarlle os salarios que deixou de percibir.

Ante esa sentenza Seaga presentou recurso ante o TSXG, que hai un ano ratificou a resolución xudicial inicial. Pero Seaga volveu recorrer en casación ante o Tribunal Supremo, que agora, nun auto do 27 de abril feito público nos últimos días, vén de inadmitir a trámite a súa petición e co apoio da Fiscalía fai firme a sentenza orixinal.

Fragmento da sentenza do TSXG agora ratificada polo Supremo sobre o traballador que a empresa pública Seaga contratou a través dunha ETT e que despediu como represalia por reclamar os seus dereitos CC-BY-SA Praza Pública

A empresa pública argumentou que o traballador fora despedido ao rematar a campaña de traballo para a que o contratara ese ano a través dunha ETT, pero a xustiza insiste en que facía "outras moitas tarefas que se enmarcan dentro da área de xestión laboral" de Seaga

Durante o proceso xudicial previo a empresa pública argumentou que o cesamento do traballador non fora consecuencia da súa denuncia por cesión ilegal senón que xa chegara ao seu remate a campaña de reforzo nas tarefas administrativas de xestión das listas de contratación de persoal para as brigadas de incendios para a que fora contratado. Porén, o TSXG desbotouno e dixo que “o traballo que veu desempeñando non consistiu só no labor de actualización das indicadas listas, senón noutras moitas tarefas que se enmarcan dentro da área de xestión laboral da empresa Seaga, polo que a finalización da actualización de listas previas de contratados temporais non é máis que unha escusa para encubrir o cese do traballador, e o que subxace no fondo é unha clara represalia pola reclamación do demandante”.

Seaga tentou argumentar ante o Supremo que esa sentenza do TSXG era contraditoria con outra do propio Supremo que aceptara como legal un despedimento dun traballador do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) ligado a un proxecto temporal. Pero o Supremo insiste, como fixera o TSXG, en que o traballador de Seaga non se dedicaba só a xestionar a listas temporais de contratación das brigadas de incendios senón que a súa tarefa “abarcaba todo o referido á xestión laboral”.

Auto do Supremo que inadmite o recurso de Seaga e fai firme a súa condena por vulnerar os dereitos dun empregado CC-BY-SA Praza Pública

O Supremo ratifica así que un traballador temporal contratado a través dunha ETT que prestaba servizo para unha empresa pública xestionaba realmente para a Xunta o persoal tamén temporal de loita contra o lume

O auto do Supremo ratifica así que un traballador temporal contratado a través dunha ETT que prestaba servizo para unha empresa pública xestionaba realmente para a Xunta o persoal tamén temporal de loita contra o lume. Pon o foco así o alto tribunal nun problema que xa foi advertido polo Consello de Contas, que alertou de que empresas públicas como Seaga ou Tragsa subcontratan sen control a metade do que lles encarga a Xunta e que o Goberno galego non supervisa esas actuacións nin xustifica que sexa máis barato encargarlles eses traballos que facelos directamente desde a estrutura da propia administración.

Esta nova sentenza ratificada polo TSXG é unha máis das numerosas vén recibindo a Xunta sobre o seu xeito de xestionar o persoal público, en particular por vulnerar o que se denomina “garantía de indemnidade”

Esta nova sentenza ratificada polo TSXG é unha máis das numerosas que vén recibindo a Xunta sobre o seu xeito de xestionar o persoal público, en particular por vulnerar o que se denomina “garantía de indemnidade”, que prohibe as represalias contra os traballadores por reclamar os seus dereitos. A Consellería de Medio Rural vén tendo un especial protagonismo neste tipo de resolucións xudiciais, como vén contando Praza.gal. O pasado decembro o TSXG condenouna a readmitir e indemnizar unha traballadora á que despediu como se fose temporal tras obter unha sentenza que a facía indefinida. En xullo o mesmo Tribunal Superior condenou á mesma consellería por negarse sequera a negociar a conciliación familiar que lle pedía un bombeiro forestal. E hai un ano foi tamén o Supremo quen ratificou que a Xunta discriminou a bombeiros de máis de 60 anos aos que mantivo en primeira liña de lume. 

Sede do Tribunal Supremo, en Madrid © Tribunal Supremo

Hai dúas semanas, cando o PSdeG preguntou á Consellería do Medio Rural por varias destas sentenzas, en particular unha que a condenara pola súa demora en resolver un caso de acoso laboral, a resposta do secretario xeral da consellería foi cuestionar as resolucións dos tribunais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.