A Xunta disporá 16.000 bonos de 150 euros dos que o 40% será subvencionado cun millón de euros de fondos públicos
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou tras o Consello da Xunta deste luns que o Goberno galego lanzará un novo bono para subvencionar estancias turísticas en Galicia. Este tipo de axudas públicas foron lanzadas pola Xunta tras a pandemia da COVID-19 para reactivar o sector tras a diversas restricións que o afectaran. A situación agora é ben distinta, co Goberno galego salientando que o turismo xa superou os seus niveis anteriores á pandemia. Así que o propio Rueda admitiu este luns que o obxectivo da nova medida "xa non é reactivar o mercado" senón "favorecer a desestacionalización".
As novas subvencións plasmaranse en 16.000 bonos de 150 euros cada un dos que a Xunta asumirá o 40% e as persoas usuarias o restante 60%. En total, a Xunta destinará un millón de euros a esta iniciativa e di que desde a súa posta en marcha en 2020 a iniciativa "mobilizou máis de 14 millóns de euros no sector turístico".
O propio Rueda admite que o obxectivo da nova medida "xa non é reactivar o mercado" senón "favorecer a desestacionalización"
En edicións anteriores a Xunta asumira ata o 60% do custe do bono, con importes variables, como ocorreu en 2021 con bonos totais de 500, 375 ou 250 euros nos que a Xunta puña respectivamente 300, 225 ou 100 euros. O ano pasado a Xunta xa só puxo un máximo de 100 euros por bono co que a persoa usuaria obtiña un 40% de desconto do gasto que fixese nun establecemento turístico.
Para este ano cada persoa poderá obter ata dous bonos de 150 euros, que deberá comprar por adiantado e dos que deberá pagar o 60%, asumindo a Xunta o restante 40%. Isto é, unha persoa que merque dous bonos terá que pagar 180 euros mentres que a Xunta porá 120 euros. Despois poderá gastalos entre o 10 de setembro e o 25 de decembro.
Hai unha semana o presidente Rueda, preguntado polos posibles impactos negativos do turismo masivo, que a Xunta aínda non supervisa, asegurou que "estamos lonxe" do máximo de turistas que pode acoller Galicia e apostou por atraelos todo o ano e a novos lugares.
Uns días antes a propia Xunta divulgaba os resultados dunha enquisa que reflectiría que entre o 10% e o 15% da poboación galega non valora "positivamente" o turismo no seu concello.