Tras reclamar a Xunta servizos ferroviarios de proximidade que xa está a estudar o ministerio, o presidente di agora que "antes" ten que facer a saída sur de Vigo a Porto ou mellorar as liñas a Lugo, xa en obras, ou a Ferrol
A Xunta vén reclamando desde hai tempo ao Goberno de España que cree servizos ferroviarios de proximidade en Galicia. Este domingo o secretario de Estado de Infraestruturas, José Antonio Santano, avanzou nunha entrevista coa Cadena SER que a comezos do próximo ano o Ministerio de Transportes terá rematado un estudo de viabilidade sobre eses servizos. Porén, este luns o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, retrucou a ese anuncio que "antes" de implantar unha rede de trens de proximidade en Galicia, única comunidade costeira que carece dela, o Goberno de España debe facer moitas outras obras, non só en materia ferroviaria senón tamén de estradas, como "autovías nin iniciadas".

Segundo Santano, "hai espazo claramente en Galicia para un servizo de cercanías que conecte o norte co sur e que sexa unha alternativa eficiente e a bo prezo á estrada". Porén, o presidente Rueda optou este luns por poñer o foco noutras actuacións. Así, comezou queixándose de que "hai tantas cousas ás que se comprometeron que non están cumprindo que terían que empezar por iso". Nesa liña o presidente galego citou as eivas "na rede de media distancia que vertebra de norte a sur e que ten que recuperar frecuencias e mellorar o funcionamento", rede á que se refería precisamente Santano para implantar sobre ela os servizos de proximidade.
Pero Rueda seguiu enumerando outras varias actuacións que ao seu ver terían que estar "antes" que os servizos de proximidade, como a saída sur da alta velocidade de Vigo cara a Porto ou as melloras das conexións ferroviarias con Lugo -xa en obras- e Ferrol. O presidente incidiu en que "hai moitísimas cousas antes que formular iso", en referencia aos trens de proximidade.
"As cosas pola súa orde, e hai cousas que facer antes desa proposta", reiterou Rueda, citando entre esas actuacións prioritarias antes que as proximidades ferroviarias as "autovías nin iniciadas".
Ana Pontón lembrou que os servizos de proximidade forman parte do acordo de investidura do BNG con Pedro Sánchez
A valoración de Rueda chega despois de que a Xunta veña reclamando ao Goberno de España a creación de servizos de proximidade en Galicia. Unha reclamación que chegou unha década despois de que o Goberno de Feijóo renunciase ao prometido Ente Ferroviario Galego.
Por outra banda, tras as declaracións do secretario de Estado, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, lembrou que a implantación de servizos de proximidade en Galicia nesta lexislatura forma parte do acordo de investidura acadado con Pedro Sánchez.