Sen actas, sen probas: a crecente lista de comités da Xunta dos que non queda constancia oficial malia as súas relevantes decisións

Sala do Consello da Xunta e documentos oficiais que reflicten a inexistencia de actas das reunións de varias comisións constituídas pola Xunta nos últimos anos CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

O comité clínico da pandemia, o que renovou as residencias de maiores, o que vén de repartir subvencións de Ence ou o que supervisa os fondos da UE son algúns dos órganos nos que se apoia o Goberno galego dos que resulta imposible certificar o seu traballo

Esta semana Praza.gal revelou que non hai actas de como Xunta e Ence reparten 3 millóns de euros ao ano a 300 entidades de Pontevedra. Tampouco hai actas de ningunha das reunións do comité clínico que asesorou á Xunta durante a pandemia da COVID-19 para que esta impuxese todo tipo de restricións á cidadanía. Nin do comité que asesorou ao Goberno galego para o novo modelo de residencias de maiores tras a pandemia. Nin da comisión que supervisa os fondos de recuperación da UE.

A falta de actas das reunións de todas estas e outras varias comisións creadas pola Xunta nos últimos anos para todo tipo de propósitos impide comprobar como se toman as decisións neses encontros e mesmo se efectivamente se produciron. Unhas comisións nas que en moitos casos o Goberno galego se apoia para facer ver que as súas non son unhas decisións políticas discrecionais senón supostamente avaladas por expertos ou consensuadas con outras entidades. Pero iso, sen actas, é imposible certificalo.

Resposta oficial da Xunta negando a existencia de actas do comité co que supervisa como Ence reparte 3 millóns ao ano a entidades de Pontevedra CC-BY-SA Praza Pública

No caso da comisión de seguimento sobre o pacto ambiental asinado por Ence e a Xunta en 2016 que reparte 3 millóns de euros ao ano en subvencións a entidades locais a explicación que dá o Goberno galego a que as actas sexan "materialmente inexistentes" é que o seu acordo coa empresa non recollía a obrigatoriedade de deixar constancia do contido das xuntanzas. Porén, o acordo si contemplaba a elaboración dun informe anual de seguimento do pacto e hai ano e medio a Xunta tamén asegurou oficialmente que non conta con ningún. 

Ao tempo que xustifica que non levanta actas de certas comisións porque non está obrigado o Goberno galego vén criticando por escurantismo a outras administracións 

Similar resposta oficial, a de que non era obrigatorio levantar actas, deu o Goberno galego tamén a outra petición formal de transparencia deste diario sobre o comité clínico que o asesorou durante a pandemia da COVID-19. Segundo a Xunta, dito comité, no que se escudou reiteradamente o propio presidente Feijóo para xustificar as restricións impostas polo seu executivo, era un "órgano de asesoramento" e "non un órgano colexiado ao que a normativa vixente esixa o levantamento de actas". 

Resposta oficial de Sanidade a unha petición de transparencia de Praza.gal sobre o comité clínico da COVID CC-BY-SA Praza Pública

Menos explicacións houbo por parte da Xunta a outra petición oficial de documentación relacionada con outra comisión creada pola pandemia, a que a asesorou para un novo modelo de residencias de maiores. Neste caso foi o Parlamento de Galicia, a iniciativa do BNG, o que pediu ao Goberno galego toda a documentación manexada por dito comité asesor así como as actas das súas reunións. A resposta da Xunta consistiu en seis folios, con contido similar ás notas de prensa que divulgara previamente sobre o asunto, e ningunha acta oficial. Un escurantismo que contrasta coas reiteradas peticións de transparencia que realizou a Xunta e o propio Feijóo ao Goberno de España durante toda a pandemia.

Outra comisión da Xunta da que non hai actas, ausencia neste caso censurada polo Consello de Contas, é a creada para supervisar a execución do plan de recuperación económica con fondos europeos habilitado tras a COVID. Entre outras eivas o ente fiscalizador das contas públicas galegas sinalou o pasado maio que “a ausencia dunha periodicidade mínima para as súas sesións e de actas das efectivamente celebradas dificulta o acceso á información sobre o seu funcionamento”. Tras esas críticas de Contas, esta mesma semana o Parlamento aprobou por unanimidade unha proposta do PSdeG que insta o Goberno galego a remitirlle "un informe exhaustivo sobre os traballos realizados" con indicación expresa, entre outras cuestións, das datas e "actas desas reunións, no caso de existir". 

Informe do Consello de Contas sobre a execución dos fondos europeos de recuperación por parte da Xunta CC-BY-SA Praza Pública

Ademais destes casos nos que hai comités ou comisións creadas de cuxo traballo non queda constancia en actas oficiais, nos últimos anos o Goberno galego anunciou outras comisións diversas cuxa propia existencia quedou en entredito. 

Ademais das comisións de cuxo traballo non queda constancia, nos últimos anos a Xunta anunciou outros comités cuxa propia existencia quedou en entredito, como varias para o seguimento de investimentos do Estado en Galicia

En xaneiro do pasado ano, un mes despois da inauguración da liña de alta velocidade coa Meseta, Feijóo anunciou un "comité multidisciplinar" de "expertos" que achegaría “propostas” para “aproveitar” mellor a chegada do AVE a Galicia. Porén, un ano máis tarde, tras negarse inicialmente a responder a outra petición oficial de transparencia de Praza.gal e facelo só tras así requirirllo a Valedora do Pobo, o Goberno galego confirmaba que dito comité de expertos nunca se constituíu e que realmente "o seguimento do impacto da chegada do AVE a Galicia realízase polas distintas consellerías". 

Acto político en Ourense o 14 de xaneiro de 2022 no que Feijóo anunciou un "comité multidisciplinar" de "expertos" para aproveitar economicamente a chegada do AVE a Galicia que nunca se constituíu CC-BY-SA Xunta de Galicia

Algo similar pasara uns anos antes, cando en abril de 2017 Feijóo anunciou a creación dun comité de seguimento dos orzamentos xerais do Estado en Galicia. O daquela presidente mesmo asegurara que el mesmo presidiría ese comité cada tres meses. Pero medio ano máis tarde o Goberno galego confirmaba a Praza.gal que o comité non se chegara a constituír por razóns de "operatividade" senón que era o propio Consello da Xunta o que facía un "seguimento continuo" dos investimentos estatais cun "reporte" periódico de "cada conselleiro". 

Porén, un día máis tarde o propio Feijóo contradicía o seu gabinete e matizaba a resposta e aseguraba que "a comisión funciona con absoluta normalidade" e que "a Consellería de Infraestruturas, basicamente, nos informa ás persoas que formamos parte desa comisión do grao de execución". Nunca houbo imaxes nin se fixeron públicos documentos oficiais de dita comisión.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.