UGT e CCOO asinan outro pacto coa Xunta e Feijóo aprovéitao para erixilo en "exemplo para España"

Feijóo e o conselleiro de Economía asinan o acordo do diálogo social con José Antonio Gómez (UGT), Ramón Sarmiento (CC.OO.) e Antonio Fontenla (CEG) CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

No verán de 2010 a Xunta sentaba á mesma mesa aos líderes de CC.OO. e UGT en Galicia e mais á Confederación de Empresarios de Galicia para asinar varios acordos en materia laboral. Alberto Núñez Feijóo presentara aquela imaxe como antítese do que sucedía no contexto do Estado co Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero, a quen os mesmos sindicatos "lle plantexan folgas xerais" ante os primeiros recortes da crise", ironizaba.

En xaneiro de 2012, no máis profundo da segunda recesión económica da crise e co paro en rexistros históricos -máis de 270.000 persoas, segundo a EPA-, ambas centrais sindicais e organización patronal protagonizaron unha fotografía semellante a respecto de acordos sobre contratación ou o sector da automoción, entre outros. Segundo Feijóo, aquel pacto deixaba claro, aínda que nel non participaba a Confederación Intersindical Galega, que "a maioría das decisións que tomou e ten que tomar a Xunta están respaldadas por estes acordos".

Como acontecera en 2010, 2012 e 2015, CC.OO e UGT volven sentar con Feijóo e unha representación dos xestores da CEG, nesta ocasión en vésperas dunha folga no ensino e ás portas do ano electoral 

Pouco despois, en xuño de 2012, Comisións Obreiras de Galicia daba por "roto" o diálogo social coa Xunta en plena vaga de recortes sociais, se ben en 2015 regresou a el, outra volta coa UGT, para asinar acordos vinculados ao Plan de Garantía Xuvenil para mocidade desempregada. Neste decembro de 2019, en vésperas dunha folga no ensino apoiada por todos os sindicatos e ás portas do ano electoral, CC.OO. e UGT volveron sentar con Feijóo e unha representación dos actuais xestores da Confederación de Empresarios, entidade patronal que acumula dous anos sen presidencia, período no que afondou nos seus problemas económicos, máis aínda tras ser condenada a devolver á Xunta medio millón de euros por gastos sen xustificar das súas embaixadas.

Participantes no acto de sinatura do acordo da Xunta con UGT, CC.OO e a patronal CEG, este 10 de decembro CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

O acordo aborda igualdade, cláusulas sociais, tecnoloxía na industria, políticas activas de emprego e "modernización das relacións laborais"

O asinado nesta ocasión por CC.OO., UGT e a CEG da man da Xunta é un documento de algo máis de 80 páxinas que, como os anteriores, é aproveitado polo presidente do Goberno galego para erixirse en "exemplo para España". As materias abordadas no pacto están vinculadas co tratado no "proceso de concertación social" desenvolvido dende comezos de ano, explican, en cinco mesas de negociación, a saber: "igualdade de oportunidades", "cláusulas sociais na contratación pública", "impulso para a transformación tecnolóxica da industria", "políticas activas de emprego" e "modernización das relacións laborais".

O documento inclúe accións como introducir cláusulas sociais nos contratos públicos, ao xeito das aplicadas por algúns concellos e deputacións, ou 1,3 millóns para estudos e axudas en materia de "transición enerxética xusta"

O pacto, di o documento, tradúcese na "creación de gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral" contra a fenda salarial ou a aplicación de "ferramentas" para a "medición e mellora da igualdade" nas empresas. Tamén implica introducir cláusulas sociais "no sector público galego", ao xeito do que veñen facendo institucións locais dende hai xa anos. Complétase con acordos "sobre a Axenda Industria 4.0", plans de "recualificación profesional" para persoas paradas maiores de 45 anos ou "axudas para o mantemento do emprego ante flutuacións económicas", indica.

O documento asinado dedica un espazo concreto ao que denomina "transición enerxética xusta". Neste ámbito apuntan principios xerais como "establecer unha nova relación da sociedade coa enerxía", "conseguir unha plena e pacífica integración da enerxía no territorio" ou "contemplar a enerxía como un xerador de valor". No ámbito práctico, contempla 1,3 millóns de euros para accións como elaborar unha "estratexia de reindustrialización" para as comarcas afectadas polo peche das térmicas ou "axudas á PEME galega para o aforro e a eficiencia enerxética".

Segundo o presidente da Xunta, o rubricado este martes, "nun momento no que é preciso máis responsabilidade e máis xenerosidade" amosa que "Galicia volve responder". "Galicia volve estar á altura e volve ser un exemplo para o conxunto de España", proclama.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.