As dúas vilas fronteirizas celebran o aniversario da que segue sendo única conexión ferroviaria entre Galicia e Portugal mentres Madrid e Lisboa seguen sen concretar a súa modernización
- HEMEROTECA | Unha ducia de fitos da historia do tren en Galicia
Tui e Valença celebraron este mércores os 140 anos da inauguración da primeira ponte sobre o Miño entre as dúas vilas, que ademais de seguir facilitando o paso de coches e peóns segue sendo a única conexión ferroviaria entre Galicia e Portugal. O aniversario lembra unha época na que o desenvolvemento do ferrocarril en Galicia apostou á par polas conexións coa Meseta e con Portugal mentres que na actualidade Madrid e Lisboa seguen sen concretar datas e características para a promesa dunha liña de alta velocidade que os dous estados lanzaron hai xa un cuarto de século.
O tren circulou por primeira vez en Galicia en 1873, na liña entre Cornes e Carril, pero o seu despregue foi relativamente acelerado e apenas trece anos despois era inaugurada a ponte internacional entre Tui e Valença. Polo medio, a primeira conexión entre Galicia e a Meseta, entre Valdeorras e Ponferrada, completouse en 1883. Foi apenas un ano antes de rematarse en 1884 a ponte sobre o Miño, que tardou aínda algo máis dun ano en poñerse en servizo polas probas que requiriu. Pero do lado portugués o tren xa chegara a Valença a través da súa Linha do Minho, en 1882.
Século e medio despois, a conexión de alta velocidade entre Galicia e Portugal segue sen data. Mentres a alta velocidade estreouse en Galicia en 2011, na liña Ourense-Santiago-A Coruña, e a conexión coa Meseta foi inaugurada en 2021, a nova liña con Portugal segue acumulando estudos un cuarto de século despois de que fose comprometida polos dous estados na Cimeira Ibérica de Vigueira da Foz de 2003.
A ponte Tui-Valença rematouse unha década despois da chegada do tren a Galicia e uns meses despois da primeira conexión coa Meseta, pero 15 anos despois da chegada do AVE e 5 da nova liña a Madrid segue sen haber data certa para o Vigo-Porto
Do lado galego, onde os primeiros estudos para o "acceso ferroviario sur de Vigo" se lanzaron en 2000, o Ministerio de Transportes prevé agora rematar aínda a finais deste ano o estudo informativo para o treito Vigo-O Porriño, mentres que entre O Porriño e o río Miño o estudo foi adxudicado aínda o pasado outubro.
Do lado portugués a situación é similar, sen que Lisboa concretase aínda o trazado entre Braga e Valença. E despois aínda quedaría concretar entre os dous estados a ponte internacional. Sen todos eses estudos, e sen a súa avaliación ambiental, ofrecer unha data para a posta en servizo da alta velocidade entre Vigo e Porto é un desexo máis que unha expectativa. Iso non impediu que na última Cimeira Ibérica de Huelva, o pasado 6 de marzo, o primeiro ministro portugués, Luís Montenegro, dixese que espera que a liña Lisboa-Porto-Vigo poida estar concluída "en 2033".
Este mércores, no 140 aniversario da inauguración da vella ponte Tui-Valença, deseñada polo arquitecto Pelayo Mancebo, o presidente da Câmara Municipial de Valença, José Manuel Carpinteira, salientou que "este momento reforça a cooperação entre os povos, numa ponte que é um símbolo de união, democracia e liberdade, não só para Valença e Tui, mas para Portugal e Espanha e para toda a União Europeia". Na mesma liña se pronunciou o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, para quen "máis que nunca son necesarios estes actos que simbolizan esa fraternidade que debe existir entre os pobos".
Á espera do AVE, o tren convencional de pasaxeiros deixará de circular sobre a vella ponte durante un ano a partir do 7 de abril por obras entre Vigo e Tui
Á espera da alta velocidade, de momento o que pasará coa ponte entre Tui e Valença é que por ela deixarán de circular os trens de pasaxeiros durante un ano. Tras electrificarse e mellorarse a seguridade hai uns anos tanto do treito Tui-Valença no que está a vella ponte como da liña Valença-Porto, agora obras de Adif entre Vigo e Tui obrigarán a partir do 7 de abril a que os trens Vigo-Porto comecen e rematen os seus recorridos en Valença, cos pasaxeiros transportados en autobús entre esa vila e Vigo.