Dende o ano 2010, máis de 112 mil hectáreas de terreo dos espazos naturais protexidos foron queimadas nos incendios forestais. Un 30% da súa superficie total
Os incendios deste mes de agosto cebáronse nos espazos naturais protexidos de Galicia. En apenas unhas semanas queimáronse 37.819 hectáreas nos espazos da Rede Natura 2000, o 26% de todo o queimado ata o de agora este ano. En total, o 11% da superficie total protexida en Galicia foi arrasada polo lume, especialmente no Bidueiral de Montederramo (o 56,8% foi quemaido), no Macizo Central (o 52,4%) e en Pena Trevinca (o 20,3%).
Aínda que o sucedido neste 2025 foi especialmente grave -nunha ardera tanta superficie protexida- esta non foi unha situación nova. Dende o ano 2010, segundo as cifras que vén recollendo ADEGA, máis de 112 mil hectáreas de terreo dos espazos naturais protexidos foron queimadas nos incendios forestais. Isto supón case un terzo da superficie total da Rede Natura 2000 en Galicia, o 30%.
Hai, ademais, algúns espazos que veñen sufrindo de maneira máis importante o impacto do lume, nalgúns casos practicamente todos os anos. Destaca, sobre todo, o caso do Macizo Central, un extenso espazo (case 47 mil hectáreas) recoñecido como Zona Especial de Conservación (ZEC) e que se estende por lugares de Larouco, Laza, O Bolo, Petín, Viana do Bolo, Vilariño de Conso, A Pobra de Trives, Chandrexa de Queixa, Manzaneda, Montederramo e Quiroga.
O 106% da superficie protexida do Macizo Central foi arrasada polo lume, que queimou unhas 50 mil hectáreas, unhas 25 mil entre 2010 e 2024 e outras tantas neste 2025. No Bidueiral de Montederramo e Pena Veidosa ardeu máis do 70% da súa superficie
Dende o ano 2010 o 106% da superficie protexida do Macizo Central foi arrasada polo lume, que queimou unhas 50 mil hectáreas, unhas 25 mil entre 2010 e 2024 e outras tantas neste 2025. En total, as chamas acabaron cunha superficie superior ao tamaño total do espazo protexido.
As cifras son igualmente moi elevadas nos espazos protexidos de Bidueiral de Montederramo e Pena Veidosa. No Bidueiral de Montederramo (Lugar de Interés Comunitario -LIC- que abrangue lugares de Chandrexa de Queixa, Laza, Maceda, Montederramo e Vilar de Barrio) queimouse dende o 2010 un 73% da súa superficie, especialmente neste 2025, cando ardeu en poucas semanas o 57% de todo o espazo protexido. En Pena Veidosa, outra Zona Especial de Conservación situada entre Carballedo e San Cristivo de Cea, ardeu dende o 2010 o 72% da súa superficie, aínda que neste 2025 non se rexistrou alí ningún incendio.
Pena Maseira, Baixa Limia, Carnota - Monte Pindo, Pena Trevinca, Negueira, Serra do Careón, Ancares - Courel, Monte Faro e A Marronda figuran tamén entre os espazos naturais protexidos máis afectados polo lume
En Pena Maseira, ZEC situada entre A Gudiña e A Mezquita, ardeu o 52% da súa superficie e só neste 2025 queimouse o 15% das súas dimensións totais. Na Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) da Baixa Limia e na ZEC Carnota - Monte Pindo a superficie queimada dende o 2010 tamén supera o 40%, aínda que neste 2025 o lume case non afestou aos espazos protexidos.
Non houbo esa sorte na Zona Especial de Conservación de Pena Trevinca, que este mes de agosto foi arrasada polo lume, que queimou máis de cinco mil hectáreas, un 20% de toda a superficie protexida. En total, dende o 2010 un 36% do espazo sufriu o impacto das lapas.
ADEGA denuncia que aXunta non teña disposto "ningunha acción específica para a restauración ecolóxica destes espazos con fins ambientais"
Nas ZEC de Negueira e Serra do Careón e no LIC de Ancares - Courel tamén o lume acabou cunha parte considerable do espazo protexido, entre o 26% e o 22% dende o 2010; só no Courel arderon este ano máis de cinco mil hectáreas. O mesmo que nas ZEC de Monte Faro e A Marronda, onde foi afectado o 18% e o 15% da superficie protexida entre 2010 e 2024.
Hai uns días ADEGA denunciou en rolda de prensa que a Xunta aínda non presentara un plan para "a recuperación da biodiversidade e dos valores ecolóxicos destes espazos, de especial valor para o conxunto da sociedade" nin teña disposto "ningunha acción específica para a restauración ecolóxica destes espazos con fins ambientais".
Galicia segue a ser o territorio con menos superficie protexida
Só o 11,6% da superficie total de Galicia está protexida, moi lonxe da media do conxunto do Estado español (27,4%)
Galicia é a comunidade autónoma cunha menor proporción do seu territorio protexida dentro da Rede Natura 2000 baixo algunha das fórmulas de protección como ZEC, LIC ou ZEPA. En concreto, só o 11,6% da superficie total de Galicia está protexida, moi lonxe da media do conxunto do Estado español (27,4%) e máis lonxe aínda dos datos de Canarias (47%) ou mesmo Madrid (40%). A Comunidade Valenciana e A Rioxa superan tamén o 35%.
A superficie protexida en Galicia, cuxa definición depende da Xunta, mantense ademais estancada dende o ano 2011, malia as reiteradas advertencias da UE
A superficie protexida en Galicia, cuxa definición depende da Xunta, mantense ademais estancada dende o ano 2011, malia as reiteradas advertencias da UE, que considera que os actuais son non chegan para protexer a biodiversidade e ademais as súas medidas de conservación son insuficientes. O pasado ano, iso si, o Goberno central estendeu a Rede Natura a todo o litoral galego, que pasou a integrar unha única Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA).
Galicia aparece na derradeira posición entre todas as comunidades autónomas, tanto na superficie que ocupan as ZEC e LIC coma as ZEPA. Nos últimos anos houbo varias propostas de ampliación, que veñen reclamando grupos ecoloxistas e forzas políticas como BNG e PSdeG
Galicia aparece na derradeira posición entre todas as comunidades autónomas tanto na superficie que ocupan as Zonas de Especial Conservación (ZEC) e Lugares de Interese Comunitario (LIC) coma as que suman as Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA).
Nos últimos anos houbo varias propostas de ampliación, que veñen reclamando grupos ecoloxistas e forzas políticas como BNG e PSdeG. Porén, a Xunta non chegou a aprobar ningunha delas. O PP mesmo votou a favor da ampliación no Parlamento galego no ano 2021, un apoio que tampouco fixo que o Goberno galego aceptase a modificación dos espazos protexidos.
Esta semana a eurodeputada do BNG Ana Miranda volveu denunciar ante a Comisión Europea o “reiterado incumprimento” por parte do goberno galego da ampliación da Rede Natura
Esta semana a eurodeputada do BNG Ana Miranda volveu denunciar ante a Comisión Europea o “reiterado incumprimento” por parte do goberno galego da ampliación da Rede Natura. Miranda, que defendeu a "urxencia" de ampliar a Rede Natura para protexer a biodiversidade, trasladou á Comisión a pregunta de se o Plan Director galego da Rede Natura 2000 e as súas medidas de zonificacións cumpre ou non cos obxectivos de conservación que estabelece a Directiva de Hábitats.
A eurodeputada tamén demandou información sobre en que situación se atopa o procedemento de infracción aberto contra o Estado español iniciado en 2003 e que seguimento está realizando en relación con Galicia.