Do 35,9% de galegos e galegas que tiveron que responsabilizarse do coidado doutra persoa, destaca o 19% que o fixo de fillos e flllas menores de 15 anos, xunto con outro 3,3% que coidou a netos e netas. O 11% coidou de maiores
O 36% dos galegos e galegas entre 18 e 74 anos se fixo cargo do coidado dalgún familiar -menor ou dependente- o pasado ano, unha porcentaxe semellante á do resto do Estado (a media sitúase preto do 35%), pero coa particularidade de que en Galicia medra a porcentaxe de persoas coidan a familiares dependentes, sobre todo por razóns de idade (o 11% da poboación) e sitúase por debaixo da media a proporción de persoas que coidan de fillos, fillas, netos e netas. Galicia é a comunidade autónoma cunha maior porcentaxe da súa poboación que coida a maiores dependentes.
Son algúns dos datos ofrecidos polo Instituto Nacional de Estatística (INE) no módulo da EPA publicado este venres, centrado na conciliación entre a vida laboral e a familiar. Dese 35,9% de galegos e galegas que tiveron que responsabilizarse do coidado doutra persoa, destaca o 19% que o fixo de fillos e flllas menores de 15 anos, xunto con outro 3,3% que coidou a netos e netas por debaixo desa idade. Ademais dese 11% que coidaron a outros familiares dependentes, outro 2,5% coidou a crianzas e tamén a dependentes maiores.
Só unha parte pequena das persoas coidadoras empregou servizos profesionais. En Galicia fíxoo o 13,9%, algo máis os homes (14,4%) que as mulleres (13,5%) pero sen grandes diferenzas
Non hai datos por sexo para cada comunidade autónoma, pero os datos estatais que ofrece o INE amosan unha fenda entre homes e mulleres que coidan de familiares. No conxunto do Estado o pasado ano o 37,6% das mulleres responsabilizáronse do coidado dalgún familiar dependente, fronte ao 31,7% dos homes. As diferenzas por sexo aparecen non tanto no coidado dos fillos, senón de familiares maiores e de netos.
Só unha parte pequena das persoas coidadoras empregou servizos profesionais. En Galicia fíxoo o 13,9%, algo máis os homes (14,4%) que as mulleres (13,5%) pero sen grandes diferenzas.
O 38,6% das mulleres coidadoras dedicaron a esta tarefa máis de 30 horas semanais, fronte ao 32,4% dos homes
Onde si hai diferenzas significativas é no tempo dedicado ao coidado en función do sexo da persoa coidadora, de novo sen datos propios para cada comunidade autónoma. O 38,6% das mulleres coidadoras dedicaron a esta tarefa máis de 30 horas semanais, fronte ao 32,4% dos homes. En cambio, o 32,8% dos homes coidadores dedicáronlle a este labor 10 horas semanais ou menos, fronte ao 26,1% das mulleres.
A diferenza entre sexos reprodúcese en todos os casos, independentemente de se a persoa coidadora ten un emprego remunerado, está en paro ou está inactiva. O 27,2% das mulleres ocupadas dedicou aos coidados máis de 30 horas semanais e tamén o fixo o 21,6% dos homes.
As mulleres coidadoras tamén tiveron que realizar máis cambios nos traballo que os homes para realizar estas tarefas de coidados
As mulleres coidadoras tamén tiveron que realizar máis cambios nos traballo que os homes para realizar estas tarefas de coidados, con datos para o conxunto do Estado. Aínda que a maior parte das persoas ocupadas non realizou ningún tipo de cambio, son máis as mulleres que si o fixeron, case o 30%, fronte ao 16% dos homes. Os principais cambios tiveron que ver coa redución de horas de traballo (fíxoo o 8,9% das mulleres coidadoras pero só o 0,9% dos homes coidadores) ou coa adaptación da xornada pero sen reducir horas (fíxoo o 10,4% das mulleres e o 9,1% dos homes).
O sector económico con maior porcentaxe de homes que realizaron algún cambio laboral para conciliar foi Servizos (19,5%) e o de menor porcentaxe, Construción (14,4%). No caso das mulleres, Construción tivo a maior porcentaxe (42,6%) e Agricultura o menor (24,7%).
As persoas entre 35 e 44 anos son as que en maior medida teñen responsabilidade de coidados: faino o 64,8%
Ademais de por sexo, hai tamén grandes diferenzas por idade á hora de coidar familiares dependentes. No conxunto do Estado, as persoas entre 35 e 44 anos son as que en maior medida teñen responsabilidade de coidados: faino o 64,8% do total, o mesmo que o 48,3% das persoas entre 45 e 54 anos. É o tempo de ter fillos/as e, nalgúns casos, tamén de coidar de maiores dependentes.
Son as persoas ente 65 e 74 anos as que máis tempo dedican a estes coidados
No resto de grupos de idade hai unha menor proporción de persoas coidadoras, dende o 16% das persoas entre 18 e 34 anos ata o 26% das persoas entre 55 e 64 anos.
Con todo, chama a atención o dato de que son as persoas ente 65 e 74 anos as que máis tempo dedican a estes coidados, pois case a metade dedícalle 40 horas ou máis á semana.