Suspendida a entrada na cadea do maquinista de Angrois mentres se resolve a súa petición de indulto

O maquinista de Angrois escoltado pola policía durante o xuízo e suspensión da súa entrada na cadea CC-BY-SA Praza Pública

A xuíza que o condenou a dous anos e medio acepta a petición do condutor do Alvia, que xa obtivo informes favorables ao perdón da súa pena de vítimas, fiscalía e a propia maxistrada

O maquinista do accidente de Angrois de 2013 con 79 persoas mortas e 144 feridas, único condenado polo sinistro, vén de obter a suspensión do cumprimento da súa pena de dous anos e medio de cadea mentres se tramita a petición de indulto que formulou ao Goberno de España. Así o vén de aceptar a xuíza de Santiago que o condenou "atendendo ás circunstancias de todo tipo, concorrentes en relación ao condenado, ao delito e á natureza e duración da pena". 

A xuíza de Angrois, en primeiro termo, e ao fondo o maquinista condenado, durante unha sesión do xuízo CC-BY-SA Praza Pública

En xullo de 2024 a xuíza do Penal 2 de Santiago, Elena Fernández Currás, condenou polas 79 mortes do accidente de Angrois ao mesmo nivel ao maquinista do Alvia, Francisco José Garzón, por despistarse e non frear a tempo antes da curva de Angrois, e ao daquela director de Seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, por non habilitar medidas de seguridade que o evitasen. Pero en xaneiro deste ano a Audiencia da Coruña corrixiu esa sentenza e, sen mudar nada dos feitos probados que constataron a falta de seguridade da liña, absolveu o cargo de Adif por falta de probas de que el fose o responsable. Tras esa sentenza, que deixou o maquinista como único condenado a dous anos e medio de cadea, este pediu o indulto total ou parcial, xa que cun perdón de só 6 meses evitaría a entrada no cárcere.

Á espera do que decida libremente o Goberno de España, as vítimas consultadas polo xulgado pronunciáronse "maioritariamente a favor" da súa petición de indulto

Esa petición de indulto, medida de graza competencia exclusiva do Goberno de España, obtivo xa informes favorables da propia xuíza que o condenou, da Fiscalía que chegara a pedir para el máis anos de cadea e mesmo de boa parte das vítimas. Neste último caso, a xuíza deixou constancia de que as vítimas persoadas na causa que responderon á consulta que se lles fixo sobre o indulto pronunciáronse "maioritariamente a favor" dese perdón.

Informe da xuíza que reflicte que a maioría das vítimas que se pronunciaron sobre o indulto do maquinista de Angrois o apoian CC-BY-SA Praza Pública

O maquinista formulou a súa petición de suspensión da execución da condena á espera de que se resolva o indulto ao tempo que recorreu ante o Tribunal Constitucional a propia condena. E agora a xuíza acepta esa suspensión "atendendo ás circunstancias de todo tipo concorrentes" e "mentres se tramita o indulto solicitado e ata que recaia a decisión correspondente". 

A maxistrada establecera na súa sentenza que o despiste do maquinista non fora a única causa do accidente, conclusión que a Audiencia mantivo invariable cando absolveu o cargo de Adif por falta de probas da súa responsabilidade

No informe no que a mesma xuíza se pronunciou previamente a favor do indulto xa se sinalaba que neste caso "concorren razóns de xustiza e equidade para concederlle o indulto solicitado" porque xa non pode volver a cometer a mesma imprudencia profesional ao estar xubilado e carecer de antecedentes. No seu informe a xuíza lembraba que a súa sentenza matizaba a responsabilidade do maquinista ao sinalar "a deficiente sinalización do treito no que se produciu o descarrilamento e de medidas de seguridade que diminuíran o risco dun exceso de velocidade", motivo polo que ela tamén condenara ao cargo de Adif.

A xuíza do accidente de Angrois, Elena Fernández Currás, na primeira sesión do xuízo o 5 de outubro de 2022, e fragmento do seu informe favorable ao indulto CC-BY-SA Praza Pública

Pero malia que a Audiencia absolveu a este último por non considerar probado que el fose o responsable desas deficiencias, esa segunda sentenza mantivo inalterados os feitos probados declarados por Fernández Currás, entre eles esas deficiencias de seguridade da liña de alta velocidade Ourense-Santiago.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.