A Xunta deberá indemnizar a familia dunha muller que morreu de cancro no hospital por impedirlles visitala ao ter COVID
A doente, que padecía un tumor terminal, ingresou no Álvaro Cunqueiro de Vigo en xaneiro de 2022. Os seus familiares pediron vela nos seus "últimos momentos", pero durante días se lles prohibiu facelo en virtude duns protocolos de actuación que, en realidade, si permitían a visita a doentes "no final da súa vida". Cando finalmente puideron facelo, a muller xa non era consciente.