O arquivo da Fundación 10 de Marzo constitúe un "legado histórico esencial para comprender a memoria sociopolítica e laboral do país", a historia do movemento obreiro, a organización política na clandestinidade e represión esxercida pola ditadura
A Fundación 10 de Marzo (F10M) de Comisións Obreiras de Galicia vai levar a cabo a dixitalización e catalogación de máis de 1300 caixas con fondos documentais. Trátase dun dos arquivos máis importantes do país sobre os anos da ditadura franquista e a Transición e sobre a historia do movemento obreiro. Documentos que constitúen un "legado histórico esencial para comprender a memoria sociopolítica e laboral do país", explica o presidente da Fundación, Xesús Castro.
Entre os materiais conservados destacan correspondencia privada, notas manuscritas, borradores de informes elaborados na clandestinidade e documentación de empresas clave do sector naval e industrial galego, como ASCON, Astano, Bazán, Barreras e Vulcano. O arquivo inclúe tamén documentación vinculada ás prisións da posguerra, rexistros de fusilamentos, materiais relacionados coa loita das mulleres e fondos de movementos sociopolíticos como a Liga Comunista Revolucionaria (LCR) ou o Partido Comunista de España (PCE). "Trátase de testemuños fundamentais para comprender o pasado recente de Galicia e a súa influencia na sociedade actual", salienta Xesús Castro.
Entre os materiais conservados destacan correspondencia privada, notas manuscritas, borradores de informes elaborados na clandestinidade e documentación de empresas clave do sector naval e industrial galego
Grazas á descrición e organización de fondos sindicais, empresariais e institucionais, así como de máis de setenta legados persoais, o proxecto "está a transformar un arquivo disperso nun patrimonio histórico consultable por persoas investigadoras e pola cidadanía", subliña Castro. Os fondos abranguen un amplo período histórico, desde a Guerra Civil e a clandestinidade ata a legalización dos sindicatos, e permiten recuperar "historias inéditas", así como reconstruír "aspectos fundamentais da evolución social, política e laboral de Galicia", destaca o presidente da entidade.
O proxecto "está a transformar un arquivo disperso nun patrimonio histórico consultable por persoas investigadoras e pola cidadanía", subliña Xesús Castro, presidente da Fundación
O proxecto busca a organización, descrición e dixitalización do seu patrimonio documental co obxectivo de incorporalo a Galiciana.gal, o sistema de difusión e recolección do patrimonio dixital galego. Esta iniciativa, desenvolvida co apoio especializado da consultora galega UNAYTA, forma parte dun traballo continuado que a F10M vén desenvolvendo desde 2018 para organizar, catalogar e dixitalizar os seus fondos documentais. As axudas concedidas pola Xunta de Galicia e pola Deputación da Coruña, a través de distintas convocatorias, están a favorecer o avance deste proceso.
O proxecto busca a organización, descrición e dixitalización do seu patrimonio documental co obxectivo de incorporalo a Galiciana.gal
Desde UNAYTA explican que, para garantir que este patrimonio histórico quede protexido, organizado e accesible, o proxecto aplica un "rigoroso proceso" de tratamento documental. A intervención inclúe a limpeza da documentación, a eliminación de elementos que poidan danala, a súa reinstalación en caixas normalizadas e a creación dun cadro de clasificación xerárquico e flexible, "deseñado para incorporar novos fondos sen comprometer a rastrexabilidade nin a coherencia do conxunto documental", indican desde a consultora.
Este proxecto representa "un paso decisivo na preservación da historia viva de Galicia" e permitirá conservar para as xeracións presentes e futuras a memoria da loita obreira
A preservación destes fondos permitirá conservar para as xeracións presentes e futuras a memoria da loita obreira, da participación das mulleres e dos movementos sociopolíticos que contribuíron á transformación social e democrática de Galicia. Este proxecto representa "un paso decisivo na preservación da historia viva de Galicia" e pon de relevo a importancia da organización documental como ferramenta para conservar, protexer e difundir a memoria social, destacan ambas as dúas entidades.