A Academia concede o galardón Na lingua que eu falo ao proxecto do IES Rafael Dieste da Coruña, "un dos movementos de dinamización lingüística máis relevantes das últimas décadas, cunha capacidade transformadora que está a chegar moito máis alá das aulas"
Dunha experiencia nas clases de Lingua para comprobar os prexuízos a respecto do galego a unha enorme acción de normalización lingüística na que o alumnado é o principal protagonista e un entusiasta grupo de docentes, motores principais. Concretamente, o alumnado dun instituto urbano, o IES Rafael Dieste da Coruña, co 70% de estudantado procedente de familias de orixe migrante.
Tres anos despois do seu nacemento, a iniciativa Aquí Tamén se Fala (ATSF) medrou, acumula éxitos palpables -o máis recente, a súa influencia clave para impulsar a fin da anomalía toponímica no Deportivo da Coruña- e tamén recoñecementos ao que vén de sumar un novo: o Premio Na lingua que eu falo, que concede a Real Academia Galega ao que consideran "un dos movementos de dinamización lingüística máis relevantes das últimas décadas, cunha capacidade transformadora que está a chegar moito máis alá das aulas".
"Estamos ben seguros de que se puidesen viaxar no tempo, as Irmandades da Fala estarían ben orgullosas desta experiencia, deste universo que bebe dalgún xeito do seu legado", eloxia Henrique Monteagudo, presidente da Academia, sobre unha distinción na que, resalta, valoraron "especialmente" a "aposta polo galego como unha ferramenta de integración e intercambio cultural" nun contexto urbano e con tanto peso das migracións.
A RAG resalta a "capacidade de xerar entusiasmo colectivo a prol do idioma a través de propostas que o vinculan a territorios que conectan cos intereses da mocidade" e salienta o "enorme capital simbólico" do pulo a prol do uso do topónimo oficial no Dépor
Tamén, evidencia, "o papel activo outorgado á mocidade en todas as súas accións". "Mozos e mozas como Olizier, César, Juliamny e Jusvely, de Venezuela; Evelin, Natalia, Juan, de Colombia; Elyas e Amine, de Marrocos; Mohammed, de Senegal; Yassiel, do Perú; Virgi, de Hungría; ou Julieta, Amaia, Maité e Valentina, da Arxentina; hoxe todas e todos eles parte do núcleo máis activo do equipo Aquí tamén se fala do IES Rafael Dieste".
Aquí tamén se fala, eloxia a RAG, amosa unha gran "capacidade de xerar entusiasmo colectivo a prol do idioma a través de propostas que o vinculan a territorios que conectan cos intereses da mocidade". Dende "animar figuras populares que atravesan fronteiras a falaren en galego nas redes sociais" ata as entrevistas audiovisuais con referentes da escena musical, un festival de música.
"E por suposto, a súa campaña máis recente, O Dépor é da Coruña, un pulo decisivo que alimentou a marea da afección que conseguiu que o club branquiazul recuperase na súa denominación o topónimo orixinal da cidade da Coruña". Este éxito co Dépor, considera Monteagudo, "ten un capital simbólico enorme que reforza o galego como parte da identidade coruñesa, que a anima dalgún xeito a retomar o facho que prenderon aquí as Irmandades da Fala hai agora 110 anos".
Por todos estes motivos, acrecenta a académica Fina Casalderrey, con esta escolla a RAG procura que o premio chegue, "dalgunha maneira aos máis de 25.000 mozos e mozas dos 300 centros educativos que ata o momento se adheriron a este movemento" iniciado no IES Rafael Dieste. "Queremos recoñecer todos eses embaixadores do idioma que animan os comerciantes dos seus barrios a colocaren na porta dos negocios os adhesivos que nos anuncian que Aquí tamén se fala galego; aplaudimos os fillos e irmáns que fan que se fale tamén máis nas súas casas, ou que entre por primeira vez nelas. Porque o futuro da nosa lingua se nutre da vitalidade da infancia e da mocidade, da que ten no galego a súa lingua materna e mais tamén da que a adopta posteriormente".
Este premio, que tira o seu nome dun verso de Cantares Gallegos, é parte do proxecto Primavera das Letras, que a RAG creou en 2016 con apoio da Deputación da Coruña. Céntrase en "recoñecer persoas, iniciativas ou experiencias que, ben no ámbito escolar ben noutros espazos, destaquen polo seu traballo a prol da normalización lingüística na infancia e na mocidade". Na súa primeira edición, o pasado 2025, recaeu no CEIP Milladoiro de Malpica.
No caso de Aquí Tamén se Fala, o premio da RAG chega tras outros premios coma o Mil Primaveras da Coordinadora de Traballadores e Traballadores de Normalización Lingüística ou o Premio da Cultura Galega en 2025.