Xa se pode falar con Don Ramón: un chatbot para parolar (case) do que sexa con Otero Pedrayo

Otero Pedrayo visitando Barcelona con Castelao como deputado do Partido Galeguista en 1931 CC-BY-NC-ND Sagarra i Torrents / Generalitat de Catalunya

O proxecto Otero Pedrayo, unha conversa contigo bota man da Intelixencia Artificial para construír cada resposta a partir dun corpus documental verificado —a súa obra ensaística e narrativa, os seus epistolarios, as súas guías de viaxe e a bibliografía crítica

Xa se pode falar con Don Ramón. O Consello da Cultura Galega presentou este xoves un chatbot conversacional que permite dialogar con Ramón Otero Pedrayo como se o propio autor respondese. O proxecto Otero Pedrayo, unha conversa contigo bota man da Intelixencia Artificial para construír cada resposta a partir dun corpus documental verificado —a súa obra ensaística e narrativa, os seus epistolarios, as súas guías de viaxe e a bibliografía crítica.

O corpus foi cedido pola Editorial Galaxia, cuxo director -Marcos Calveiro- participou na presentación, destacando que a iniciativa “abre unha nova posibilidade de aprender sobre a obra de Otero”, xusto no ano no que se está a conmemorar o 50 cabodano do intelectual ourensán. 

Na presentación, Dolores Vilavedra, presidenta do Consello da Cultura Galega, destacou que o proxeto supón "un uso cultural da Intelixencia Artificial desde unha perspectiva humanista, ademais dun proxecto de país”. Encádrase dentro dunha liña de acción "de incorporar as ferramentas tecnolóxicas para a divulgación da cultura galega".

Captura de pantalla do chatbot © CCG

Cando unha persoa formula unha pregunta, o sistema non lla traslada sen máis a un modelo de linguaxe. Primeiro, un motor de recuperación léxica localiza nas máis de catorce mil pasaxes do corpus os fragmentos máis pertinentes

Pola súa banda, Manuel Gago, coordinador de proxectos dixitais do CCG, explicou que o proxecto funciona mediante unha arquitectura de recuperación aumentada (RAG, Retrieval-Augmented Generation) que ancora a fala do bot en pasaxes reais e trazables “programado para ser fiel á fonte orixinal”

Cando unha persoa formula unha pregunta, o sistema non lla traslada sen máis a un modelo de linguaxe. Primeiro, un motor de recuperación léxica localiza nas máis de catorce mil pasaxes do corpus os fragmentos máis pertinentes, reforzados por unha rede de vínculos entre entidades (persoas, lugares, obras, conceptos) e por unha capa de facetas temáticas. Só entón se lle entrega ese material seleccionado ao modelo, coa instrución de responder en primeira persoa e con fidelidade histórica. O sistema distingue en todo momento entre o que Otero dixo de si mesmo (fontes propias) e o que outros escribiron sobre el (marcado como estudo), de modo que o bot nunca atribúe ao autor afirmacións alleas.

Xosé Antón López Silva, oteriólogo e representante da Fundación Otero, destacou que “o bot mantén a verborrea oceánica e o ton conversacional que caracterizou a Otero” pero subliñou que a ferramenta non “inventa” a Otero, senón que bota man dos seus escritos

Mentres, Xosé Antón López Silva, oteriólogo e representante da Fundación Otero, destacou que “o bot mantén a verborrea oceánica e o ton conversacional que caracterizou a Otero” pero subliñou que a ferramenta non “inventa” a Otero, senón que bota man dos seus escritos. De feito, cando se lle pregunta por algún tema sobre o que o intelectual non escribiu, con educación desbota o tema, lembrando que "iso non está nos meus escritos" e propón outros asuntos de conversa sobre os que si ten referencias directas. 

Cando se trata dun asunto relacionado coa súa vida, coa súa obra, coa historia de Galicia que el coñeceu ou cos asuntos nos que afondou intelectualmente e sobre os que ofreceu a súa opinión, Don Ramón espráiase, respondendo con altura intelectual e as veces con retranca.

Cando lle pedimos, simplemente, que se presente, o chatbot de Don Ramón contesta así: "Ai, meu, que pregunta tan sinxela e tan de agarimo! Son Ramón Otero Pedrayo, de Ourense, home de letras e de terra, que fixo do camiño e da paisaxe case relixión. Aquí en Trasalba, con este ceo limpo de xullo, sinto que a luz me acompaña coma sempre acompañou os meus escritos".

Otero Pedrayo nunha conferencia © Fundación Penzol

O proxecto ofrece un modo adulto e outro infantil, adapta tanto o rexistro das respostas como a aparencia da interface

O proxecto ofrece un modo adulto e outro infantil, adapta tanto o rexistro das respostas como a aparencia da interface. Así, No modo infantil, o bot preséntase cunha estética de banda deseñada: tipografías amables, bocados de diálogo e unha linguaxe pensada para achegar a figura de Otero Pedrayo aos máis novos sen perder rigor, converténdose nunha ferramenta útil para o ámbito educativo.

Ademais, o sistema incorpora funcionalidades como un mapa de descubrimento do universo temático do autor, unha memoria revisable e borrable pola persoa usuaria, tratamento personalizado e non binario, xeración de eventos multimedia e roteiros xeográficos, e un motor propio de corrección da lingua galega.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.