Marcos Pérez Pena

Unha ducia de carteis da Transición do Fondo Miguel Gutiérrez na web do CCG

Este 4 de decembro, coincidindo co aniversario das masivas mobilizacións polo autogoberno que tiveron lugar en 1977 e 1979, o Consello da Cultura Galega puxo na rede unha parte do Fondo Miguel Gutiérrez, composto por propaganda e publicidade política da Galicia da Transición que está a ser catalogado polo Grupo de Investigación HISPONA da USC. Velaquí algúns exemplos, que percorren mobilizacións sociais, carteis electorais e outros elementos.

  1. 01

    Manifestación pola autonomía o 4 de Nadal

    O 4 de Nadal de 1979 o pobo galego saíu á rúa en demanda cun estatuto de autonomía de primeiro nivel, semellante aos xa aprobados en Catalunya e Euskadi e fronte á aldraxe e aos recortes aplicados pola UCD. Decenas de milleiros de persoas manifestáronse nas cidades galegas convocadas por PCG, POG, PSG, PSdeG-PSOE e PG e polos principais sindicatos. O cartel foi realizado por Isaac Díaz Pardo.

    Reportaxe | 40 anos do outro 4 de nadal: o día que Galicia protestou contra os recortes no seu Estatuto de Autonomía

  2. 02

    POG: Polo socialismo e a liberación nacional

    Unha das forzas que máis alentou a histórica mobilización por un estatuto de primeiro nivel para Galicia foi o Partido Obreiro Galego (POG), que neste cartel chamaba a manifestarse o 4 de nadal de 1977 "Polo socialismo e a liberación nacional". Foi o primeiro 4 de Nadal, o máis masivo, no que medio millón de galegos e galegas saíron á rúa para demadar o autogoberno para o país.

    Reportaxe | A aldraxe que mobilizou o pobo galego: catro décadas das masivas manifestacións pola autonomía

  3. 03

    Estatuto dos 16 xa!

    O Estatuto dos 16, redactado inicialmente polos parlamentarios galegos e posteriormente recortado pola UCD, foi reivindicado nas rúas con carteis coma este, editado polo PTG e a ORT. No reverso aparecía a convocatoria dunha "festa popular galega" no Parque de Santa Margarida da Coruña 

    Podes ler aquí | Homenaxe á 'Comisión dos 16' e ao Estatuto que non chegou a ser

  4. 04

    Homenaxe a Humberto Baena

    O 27 de setembro de 1975 o vigués Xosé Humberto Baena foi fusilado tras un polémico proceso xunto con José Luis Sánchez Bravo, Ramón García Sanz, Juan Paredes Manot e Ángel Otaegui. Foron os derradeiros executados pola ditadura, como lembra nesta entrevista en Praza.gal a súa irmá. Este cartel do Frente Unido reivindica a súa figura e o labor do Partido Comunista de España (marxista-leninista) e do Frente Revolucionario Antifascista y Patriótico (FRAP)

  5. 05

    Cartel pola legalización da ANPG

    En 1977 a ANPG publicou un díptico que reivindicaba a legalización da organización nacionalista en forma de viñetas. O cómic repasaba algúns dos fitos da organización dende a súa constitución, como as loitas de Baldaio ou as Encrobas e as críticas ao proceso de Transición ou ao proceso estatutario.

  6. 06

    Xogo da oca do BNPG

    Algúns dos carteis tiñan unha grande elaboración, como este Xogo da Oca do Bloque Nacional Popular Galego (BNPG) que percorre cuestións programáticas e reivindicacións ata chegar ao G final coa bandeira nacionalista.

  7. 07

    "Xa temos elecións pro ainda non temos democracia"

    Nas eleccións de 1977, malia a legalización do Partido Comunista, non todas as forzas políticas puideron concorrer co seu nome. Neste caso, o Movemento Comunista de Galicia non foi legalizado ata o 21 de xullo dese ano, xa despois dos comicios, e o mesmo lle sucedeu á UPG. "Xa temos elecións pro ainda non temos democracia", denunciaba este cartel que -ante a imposibilidade de facelo polo MCG- chamaba a votar por candidaturas da "esquerda galega".

  8. 08

    "O Socialismo Galego somos nós"

    O Partido Socialista Galego contaba en 1977 con cadros políticos moi significativos, comezando por Xosé Manuel Beiras, Fernando González Laxe ou Ceferino Díaz. Porén, nas primeiras eleccións obtivo un apoio moi cativo e foi amplamente superada pola outra gran opción socialista, o PSOE. Neste cartel dese ano debuxado por Siro -outro dos destacados militantes da formación-, reivindicábanse algúns dos nomes que conformaban o PSG.

  9. 09

    Mitin de Felipe González na Coruña

    Nas eleccións de 1977 o PSOE non contaba cunha grande estrutura política en Galicia, pero o seu candidato, Felipe González, si posuía unha grande capacidade de arrastre e o partido converteuse na única forza de esquerdas que obtivo representación en Galicia. O cartel dá conta dun mitin socialista na Coruña na campaña desas primeiras eleccións

  10. 11

    Cartel manifestación pola Lei do Divorcio

    No fondo tamén ahi exemplos de mobilizacións feministas, entre eles o cartel dunha manifestación convocada na Coruña nos últimos anos da década dos 70 "por unha lei de divorcio e en defensa da muller e das clases traballadora". A mobilización estaba convocada pola Asociación Galega da Muller e a Asociación Democrática da Muller Galega e apoiada polos principais sindicatos e forzas políticas de esquerda.

  11. 12

    Non á autoestrada

    Foron moi importantes tamén as mobilizacións contra a construción da Autoestrada do Atlántico (a AP-9), liderada pola ANPG e o Bloque. As protestas conseguiron algunhas melloras no pagamento de indemnizacións ou a contrución de máis pasos elevados para reducir o impacto da chamada "navallada"

  12. 13

    Cartel do PCG para as municipais de 1979

    As eleccións municipais de 1979 levaron a democracia a cidades, vilas e concellos, tres anos e medio despois da morte do ditador. Neles, a esquerda obtivo uns resultados moi por riba dos acadados nas eleccións xerais de 1977 e 1979. Forzas coma o PCG levaban anos realizando un importante traballo veciñal que se deixou notar nestes comicios.

  13. 14

    C<adea perpetua para os golpistas!

    En 1981, fracasado o intento de Golpe de Estado do 23-F, o MCG reclamaba con esta campaña a cadea perpetua para os golpistas, sinalando en primeiro lugar as figuras de Tejero e Milans del Bosch. Porén, tanto un coma outro pasaron moi pouco tempo na cadea. Nesta reportaxe lembramos o sucedido naqueles días en conversa con Xesús Veiga (daquela no MCG), Carlos Barros, Joám Facal e Manuel Monge.

  14. 15

    Vietnam

    Galicia estaba no mundo e as mobilizacións internacionalistas ou ligadas a feitos que tiñan lugar noutros territorios tamén estaban no discurso político e nos carteis que se podían ver polas rúas. Neste caso, a Organización Revolucionaria del Trabajo (ORT) difundiu este fermoso cartel no que se ve a tres mulleres armadas con fusís sobre un fondo laranxa co lema "Vietnam, Laos, Camboia. Victoria do pobo", lembrando a derrota estadounidense na Guerra de Vietnam

  15. 16

    Xornada antinuclear galega

    As mobilizacións ecoloxistas foron gañando peso ao longo da Transición en Galicia, como repasamos nesta outra ducia. Unha das mobilizacións máis importantes foi a anti-nuclear, que se desenvolveu ante a ameaza da construción dunha central en Xove, pensada para alimentar a factoría de aluminio, ou contra o vertido de residuos na foza atlántica. Nese caso ADEGA convocaba unha manifestación na Coruña seguida dunha "festa ecoloxista".

  16. 17

    "Non á industria porca"

    Na mesma liña, este cartel da Asemblea Popular Galega chamaba a mobilizarse contra a "industria porca", avogando pola "planificación popular" do seu desenvolvemento. Ao tempo, lembraba a manifestación convocada o 10 de abril de 1977 en Xove, contra a instalación da central nuclear no lugar.

  17. 18

    Cartel Transición incendios

    Os incendios aínda non tiñan a finais dos anos 70 a dimensión que adquiriron na década seguinte, pero o ecoloxismo xa albiscaba a importancia do problema. Neste cartel, ADEGA chamaba a mobilizarse en 1979 demandando do Goberno español e da Xunta preautonómica medida para combater os incendios baixo o lema "Galicia é de todos nós". Apoiaban a manifestacións forzas nacionalistas e de esquerdas, dende a UPG a Esquerda Galega, pasando por PSG, MCG e LCR.

  18. 19

    OTAN Non

    As campañas do Partido Obreiro Galego, de Esquerda Galega e do PSG-EG estiveron entre as máis orixinais das realizadas nese tempo no Estado (lembremos por exemplo a edición dos Xurelos na loita contra os vertidos radioactivos na foxa atlántica). Neste caso, 'O ser humano, especie protexida' buscaba sinalar a fraxilidade ante o avance do militarismo representado pola OTAN.