Praza Pública

Unha ducia de novas máis lidas nos primeiros 6 anos de Praza

Este 1 de febreiro de 2018 en Praza Pública celebramos o noso sexto aniversario. Sería imposible chegar aquí sen o voso apoio, que tamén é esencial para podermos contar máis e mellor o que sucede en Galicia e no mundo dende o noso, dende o voso xornal. Foron milleiros de novas en todo este tempo e temos varios criterios para ordenalas, un deles é o de máis lidas. Velaquí a ducia de informacións que máis lestes en Praza.gal. Grazas por estardes, lerdes, axudardes e espallardes. Comeza o sétimo ano. 

  1. 03

    2014: Prolingua revela o nome do hotel que desprezou o galego nun curriculum

    En abril de 2014, a plataforma a prol da normalización do galego publicaba na súa web unha carta aberta dirixida ao establecemento hoteleiro de Llanes (Asturias), que desdeñara un currículo que advertía do dominio da lingua galega, e na que cualificaba de "intolerables" as palabras dos seus responsables e manifesta a "indignación" de todos os membros do colectivo.

  2. 06

    2017: Imputado o máximo responsable forestal da Xunta pola adxudicación de helicópteros contra incendios

    Tomás Fernández-Couto, que leva 17 anos á fronte da dirección xeral de Ordenación Forestal, era investigado no marco dunha instrución iniciada en 2012 por presunta prevaricación na contratación da empresa Inaer, hoxe integrada en Babcock. Unha nova de hai poucos meses e só uns días despois da última grave vaga de incendios. O caso foi finalmente arquivado malia que o xuíz recoñecía a ilegalidade da xestión dos helicópteros

  3. 12

    2013: "Se neste país non te chaman facha, non es ninguén"

    Unha polémica entrevista a Manuel Manquiña, que viña naquel 2013 de estrear co Centro Dramático Galego Días sen gloria, obra de Roberto Vidal Bolaño. Falabamos co actor nunha longa conversa na que daba as súas opinións sobre teatro e cine, mais tamén de crise, política, nacionalismo e lingua.