A pouco de cumprirse dez anos da publicitada "alianza estratéxica" da Xunta con Pemex, petroleira estatal de México, Feijóo volveu suxerir negocios para estaleiros galegos con outro goberno latinoamericano, desta vez o de Colombia. Así o anunciou o presidente galego tras unha xuntanza co seu homólogo colombiano, Iván Duque, o pasado sábado, no que destacou as "oportunidades mutuas" de ambos países en sectores como "o pesqueiro, o naval, o contract, o das TIC e o forestal".
Unha década antes, o Executivo galego e o de México comezaran xa coas negociacións que remataran, da man do daquela presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, nunha viaxe a México xunto a Feijóo, que falara alí da "oportunidade histórica" que se lle abría a Galicia pola "carga de traballo, investimentos e emprego" que suporía o pacto. O 24 de maio de 2012, o Telexornal da TVG interrompeu o seu ritmo habitual para conectar co salón nobre do Pazo de Raxoi e retransmitir a sinatura do acordo entre Xunta e Pemex.
Prometéronse milleiros de empregos e a construción en Galicia de tres buques tanque, un atuneiro, un barco de apoio a plataformas petrolíferas, dous quimiqueiros, varios remolcadores, a renovación de parte da frota azteca e mesmo a instalación dunha terminal de hidrocarburos no Porto Exterior da Coruña. Todo quedou na polémica adxudicación e construción de dous floteis --un construído en Navantia e outro en Barreras-- e a adquisición do estaleiro vigués, que acabou quebrado. Polo medio, un ronsel de promesas incumpridas, investigacións xudiciais e do propio Goberno mexicano, litixios, sospeitas, sombras e moitas dúbidas aínda por resolver.
A Xunta prometera que grazas ao acordo con Pemex construiríanse numerosos barcos, ademais dunha terminal de hidrocarburos no Porto Exterior da Coruña
Dez anos despois do inicio das negociacións con Pemex, Feijóo anuncia que pon os estaleiros e empresas de Galicia "a disposición" do goberno colombiano e salienta a "experiencia galega" no sector naval tras a súa xuntanza con Iván Duque, máximo dirixente de Colombia. Mentres, a poucos quilómetros dese país, en México, mantéñense aínda abertas as investigacións sobre aqueles acordos coa petroleira azteca.
Porque a extradición do ex-director de Pemex Emilio Lozoya, detido en España e impulsor da man da Xunta dos principais negocios en Galicia, e a súa colaboración coa Fiscalía mexicana seguen a estreitar o cerco. O Ministerio Fiscal investiga se os negocios de Pemex en Galicia deberon ser levados a cabo ou se houbo algún aspecto irregular neles, ao igual que a Secretaría de la Función Pública (SFP) e a UIF (Unidad de Inteligencia Financiera), que levan tempo debullando a fracasada colaboración entre o Goberno galego e a empresa pública mexicana.
Pemex, o Tribunal de Contas mexicano, a Fiscalía e a Unidad de Intelixencia Financeira investigan os negocios da petroleira en Galicia e a compra de Barreras
Todas as pescudas apuntan, sobre todo, á compra de Barreras, decisión que causou a perda de 50 millóns de euros á petroleira e pola que Lozoya é investigado, ademais de por moitos máis presuntos casos de corrupción cando estivo á fronte da petroleira. O estaleiro vigués, que pasou en 2013 a quedar baixo control de Pemex por 5,1 millóns, busca agora un investidor que asuma, polo importe simbólico de 1 euro, todos os seus litixios e débedas, ademais do persoal actual, ata 100 millóns en continxencias.
Unha deriva que se acelerou coa chegada de Pemex, que así que houbo cambio de goberno en México e Peña Nieto deixou paso a López Obrador, axiña soltou lastre. O último, cando gañou un "litixio" á propiedade de Barreras para recuperar máis de 13 millóns de euros e dar por "finiquitado" un proceso que "resultou ser un fracaso".
A porfía co estaleiro foi o último episodio pero non o derradeiro daquela publicitada "alianza estratéxica". Na súa última referencia aos negocios en Galicia, o actual director xeral de Pemex, Octavio Romero Oropeza, volveu poñer o foco no "fracaso" dunha operación "non produtiva" e onde non se levou a cabo "unha debida supervisión ao manexo e finanzas da empresa", malia posuír máis da metade das accións.
"Un funcionario fixo unha xira en España, dixéronlle que había un estaleiro en problemas, pechado, quebrado, e tomouse a decisión de que Pemex investise; mercou o 51% das accións para botalo a andar". Así foi como Romero Oropeza relatou a decisión para que a petroleira pasase a ser o principal accionista en Barreras en 2013, tal e como adiantara Praza.gal.
A Auditoría Superior de la Federación (ASF), o equivalente ao Tribunal de Contas en España, xa cuestionara nun dos seus informes este e outros negocios de Pemex en Galicia por supor un investimento nun sector produtivo que non lle correspondía e que supuña perdas, ademais de pola súa opacidade e escurantismo, sobre todo no caso da construción dos floteis, salpicada de inexactitudes, contratos nunca revelados e adxudicacións postas en dúbida.
Lozoya, director de Pemex cando se consumaron os negocios en Galicia, foi detido e extraditado a México, onde colabora coa Fiscalía como testemuña protexida
Romero Oropeza, anteriormente, lembrara que os floteis "nunca se puideron ocupar á súa máxima capacidade" e que Pemex non os podía vender, malia os intentos, "porque estaban moi por debaixo do prezo ao que os construíu". Custaran perto de 150 millóns de euros. Desde a compra do estaleiro ata agosto de 2016, en Barreras "case non houbo actividade". "Case que viviron do negocio dos floteis", espetara en rolda de prensa.
Todas aquelas irregularidades agora investigadas aconteceron sendo director xeral de Pemex Emilio Lozoya, a quen Alberto Núñez Feijóo, intentou desligar sempre dos negocios da petroleira en Galicia malia que, segundo indicou o propio Goberno galego en 2013 e 2014, o presidente da Xunta en persoa tratou directamente con el. O fiscal xeral de México sinalárao como "símbolo" da corrupción da etapa de Peña Nieto á fronte do Executivo azteca.
A petición de Mariano Rajoy a Felipe Calderón
Segundo fontes coñecedoras do proceso en México, as probas e testemuños que están a apañar diferentes investigadores sobre a venda de Barreras advirten de que todo empezou hai unha década, cando Xunta e Pemex negociaban un acordo que logo o ex-presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, solicitou ao daquela xefe do Executivo mexicano, Felipe Calderón, para que achegase diñeiro ao estaleiro vigués, un compromiso adquirido nos últimos meses do seu mandato e concretado logo con Peña Nieto. Ambos ex-presidentes están agora no punto de mira, segundo a prensa mexicana.
Foi en abril de 2012, e sen case publicidade, cando Núñez Feijóo se uniu á viaxe presidencial que Rajoy levaba a cabo en México entre peticións de explicacións da oposición. Un ano máis tarde, e despois de que se anunciase a "alianza estratéxica" entre a Xunta e Pemex, Feijóo regresou para reunirse con Peña Nieto, un desprazamento que repetiría máis tarde para verse tamén co logo detido e extraditado no paíz azteca Emilio Lozoya.
"A nosa alianza estratéxica con Pemex é unha alianza que queremos que dure moito tempo e agardemos que así sexa", dixéralle Feijóo a Lozoya en 2014 na capital mexicana. O daquela director da petroleira, segundo contaba a Xunta, advertía da posibilidade de que estaleiros galegos construísen remolcadores, a frota menor da empresa ou un buque tanque. Nada dixo ocorreu. Con todo, o xefe do Executivo galego dera as grazas ao agora testemuña protexida da Fiscalía en México "por ter satisfeito e por ter honrado a palabra dada por Pemex a Galicia". Das súas revelacións dependerá a fondura das investigacións sobre aquela fracasada "alianza estratéxica".