Nas fins de semana de agosto, Praza.gal non se actualiza por descanso do persoal. Pero deixamos moito para ler e o luns estamos de volta :)
Fálase
O Sergas abre a autocita para todas as persoas sen vacinar contra a COVID. Dende as 15 horas deste venres poderase solicitar cita a través da páxina web ou da aplicación Sergas Móbil. Os primeiros ocos dispoñibles son para os mozos e mozas de 12 a 19 anos, con 15.000 citas habilitadas para o luns día 30 e outras 10.000 para o martes 31. O venres vacinarase a poboación de maiores de 20 anos, tantas persoas como sexa posible en función das doses que se reciban. A partir de aí, a autocita é aberta para toda a poboación.
España retírase de Afganistán e conclúe a evacuación de colaboradores e as súas familias. O persoal diplomático e militar xa se atopa en Dubai.
A Xunta presenta un recurso contra o auto do TSXG que invalidou o certificado COVID para acceder ao interior dos locais de hostalaría. O vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, salienta que a esixencia do certificado COVID era unha "petición dos propios hosteleiros"
O Goberno central prepara os trámites para subir xa o salario mínimo. O Ministerio de Traballo convoca os axentes sociais para debater un incremento desde setembro.
Extinguido o incendio rexistrado en Ponteceso logo de queimar 118 hectáreas na parroquia de Niñóns, 47 delas arboradas e 71 rasas.
Goberno central e autonomías acordan manter as medidas pactadas en maio para o vindeiro curso escolar: presencialidade, máscara a partir de 6 anos e distancia de ata 1,2 metros. A Xunta lamenta que o Ministerio non cree un fondo específico para afrontar os sobrecustos da pandemia.
Máis de 200 veciños e veciñas maniféstanse en Zas contra o peche da oficina de Abanca. A acción, apoiada polo goberno municipal, únese ás que realizan conxuntamente este Concello e mais os de Vimianzo e A Baña, onde o banco anunciou tamén o peche de sucursais. Desde 2008, Galicia perdeu máis da metade das súas oficinas bancarias.
A deputación permanente do Parlamento rexeita, cos votos do PP, a comparecencia de Feijóo pola anulación xudicial da esixencia de certificado COVID na hostalaría, tal e como pedía a oposición.
Competencia detecta que algunhas eléctricas cobran máis do debido pola luz coa nova tarifa por horas. A CNMC advirte que varias comercializadoras facturaron un 30% máis caro o término de enerxía.