O Consello de Ministros aproba o aumento de 15 euros do Salario Mínimo Interprofesional, que queda en 965 euros. Aplicarase xa nas nóminas deste mes de setembro. O Goberno de España di manter o compromiso de que o SMI acade o 60% do salario medio antes da fin da lexislatura.
Fálase
Os votos do PP frean a comisión de investigación no Parlamento sobre o baleirado dos encoros por parte de Naturgy e Iberdrola. A solicitude formulouna o BNG e tivo tamén os votos a prol do PSdeG. Os populares argumentaron o seu rexeitamento sinalando que esta é unha competencia estatal e a investigación política, de producirse, terían que ser no Congreso.
Toman posesión os sete novos membros do grupo do PP no Parlamento. Substitúen os conselleiros e conselleiras que formalizaron a renuncia ás actas parlamentarias tras determinar Feijóo que só continuarían como deputados os dous vicepresidentes da Xunta, Alfonso Rueda e Francisco Conde. [Foto: © Parlamento]
Acordo para a prórroga dos ERTE pola COVID ata o 28 de febreiro. A pasada noite, a patronal CEOE sumouse ao pacto no que xa avanzaran os Ministerio de Traballo e Seguridade Social cos sindicatos CC.OO. e UGT. Na imaxe -de arquivo, previa á pandemia- Yolanda Díaz e José Luis Escrivá con representantes sindicais e empresariais.
Tal día coma hoxe de 1975, o franquismo executaba os seus derradeiros asasinatos, entre eles o do vigués Xosé Humberto Baena. O vindeiro mércores (12h), a súa irmá, Flor Baena, imparte unha conferencia ao respecto na Facultade de Historia da USC, no marco do ciclo Pasados incómodos.
O PS mantense como forza máis votada nas eleccións municipais portuguesas, pero perde a alcaldía de Lisboa. No Porto, o independente Rui Moreira repite presidencia da Cámara.
As enquisas a pé de urna apuntan a un empate técnico entre socialdemócratas e democristiáns na pugna por seren a forza máis votada nas eleccións federais alemás, das que sairá o substituto de Angela Merkel na chancelaría. Nesta ligazón pódense seguir as sondaxes e os resultados e nestoutra pódese consultar o sitio web oficial dos comicios.
A partida de xadrez entre o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o histórico xogador Anatoli Kárpov finaliza en táboas. Celebrouse este sábado, no marco do torneo Travesía Vigo Master Chess. Imaxe divulgada na conta oficial do rexedor vigués.
Gonzalo Caballero confirma que o PSdeG celebrará as primarias á secretaría xeral o 30 de outubro e o XIV Congreso Nacional, o 7 e 8 de decembro. O actual secretario xeral e aspirante á reelección, na súa intervención ante o Comité Nacional celebrado este venres, pediu "impulso" á militancia e ofreceu "integración" a todo o partido. Resta saber se terá que competir con algunha outra candidatura, mentres diversas fontes apuntan á posibilidade de que esa alternativa a encabece o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso. [Imaxe: CC-BN-NC-SA PSdeG]
Carles Puigdemont queda en liberdade e finalmente sen medidas cautelares, á espera de comparecer ante o tribunal italiano que decidirá sobre se continúa ou non a súa extradición a España, que reclama o Tribunal Supremo. O ex-presidente catalán foi detido en Sardeña a pasada noite e compareceu hoxe ante o tribunal de apelacións. Durante a mañá, diversas localidades catalás acolleron mobilizacións reclamando a posta en liberdade de Puigdemont.