Aparece un obús durante os traballos de extinción dun incendio forestal en Montederramo. Revelouno a Asociación Profesional dos Axentes Forestais e Medioambientais de Galiza (Imaxe: Aprafoga)

Aparece un obús durante os traballos de extinción dun incendio forestal en Montederramo. Revelouno a Asociación Profesional dos Axentes Forestais e Medioambientais de Galiza (Imaxe: Aprafoga)
A Deputación de Lugo asina a compra doutras catro parcelas no centro xeográfico de Galicia en Nugallás (Antas de Ulla), onde prevé abrir o Parque Central de Galicia "entre finais de 2021 e principios de 2022", indica o presidente da institución, José Tomé. Na imaxe -de arquivo-, membros do Instituto de Estudos Ulloáns, no punto onde as medicións do IGN concluíron que se atopa o centro do país.
Feijóo eloxia o rei emérito Juan Carlos I como "un galego ilustre" e convídao a regresar a Galicia "se quere volver" porque "estamos encantados de recibilo". O presidente da Xunta afirmouno tras ser recibido no Palacio de La Zarzuela polo actual xefe do Estado, Felipe VI, co gallo da súa reelección como xefe do Goberno galego. Entre os asuntos que lle trasladou ao rei, a Xunta destaca as medidas fronte ao coronavirus e unha petición de "axuda" para "ampliar" o Xacobeo 2021 por mor da pandemia "ata xullo de 2022". Son declaracións que recolle La Vanguardia a través da axencia EFE. (Foto: ©Casa Real)
O Consello de Ministros aprobou este martes o anteproxecto da nova Lei da Memoria, que anula as resolucións dos tribunais políticos franquistas e os títulos e medallas policiais contrarias á democracia. Así mesmo, prevé un plan estatal de exhumacións de foxas, coa creación ademais dun banco de ADN de vítimas da ditadura. Ademais, extinguiranse as fundacións que fagan apoloxía do franquismo e resignificarase o Valle de los Caídos.
Cortada ao tráfico a autovía A-52 á altura de Cualedro, en sentido Benavente, pola proximidade do lume. Os vehículos están sendo dirixidos cara a carretera nacional N-525 para desviarse. Neste municipio ourensán levan 1.300 hectáreas queimadas nas últimas horas. Foto: @OVoluntariadoOU
A Royal Astronomical Society de Londres anuncia o achado de indicios de vida en Venus. GCiencia está a debullar a importancia deste descubrimento científico, baseado na detección de grandes cantidades dun derivado do fósforo na atmosfera do planeta.
A enquisa sobre a monarquía impulsada por 16 medios de comunicación, entre eles Praza.gal, avanza unha vez acadados os fondos para realizala. Será elaborada polo instituto 40dB, que dirixe a socióloga Belén Barreiro, e a súa publicación chegará arredor de mediados de outubro. Neste fío de Twitter, máis detalles.
Este domingo foi o día máis caloroso nun mes de setembro na Coruña dende que hai rexistros, con ata 35 graos. Así o advirte o equipo de 4gotas.com, que sinala que o anterior récord neste mes na cidade estaba en 31,9.
Os principais incendios forestais que atinxen este domingo aos montes galegos afectaron xa a algo máis de 740 hectáreas, unhas 665 delas na provincia de Ourense. O maior dos comunicados pola Consellería do Medio Rural é o que afecta Rebordechau (Vilar de Barrio), unhas 350 hectáreas ardidas, seguido de Pentes (A Gudiña), con 120 e Sabuguido (Vilariño de Conso), con 80. Outro dos focos afecta ao parque do Xurés en Lobios (75 hectáreas) e en Laza arderon xa unhas 40. Fóra de Ourense, un incendio en Hospital (Quiroga) queimou unhas 53 hectáreas ata agora e outro en Cuntis, unhas 25. Na imaxe, do Exército do Aire, o incendio en Vilariño de Conso. Ampliamos a información neste espazo
Meteogalicia rexistra temperaturas próximas aos 40 graos en varios puntos da metade sur de Galicia, con ata 39 en Redondela ou 38,6 en Leiro. O servizo meteorolóxico galego destaca tamén o "alto contraste" co norte, con máximas de apenas 20 graos en puntos da Mariña ou da Costa da Morte. "Mañá a calor estenderase cara o norte", sinala Meteogalicia, que mantén o aviso amarelo por calor durante o domingo en puntos do Baixo Miño e varios concellos ourensáns.