Meteogalicia rexistra temperaturas próximas aos 40 graos en varios puntos da metade sur de Galicia, con ata 39 en Redondela ou 38,6 en Leiro. O servizo meteorolóxico galego destaca tamén o "alto contraste" co norte, con máximas de apenas 20 graos en puntos da Mariña ou da Costa da Morte. "Mañá a calor estenderase cara o norte", sinala Meteogalicia, que mantén o aviso amarelo por calor durante o domingo en puntos do Baixo Miño e varios concellos ourensáns.
Fálase
A Comisión Europea propón dedicar 2 millóns de euros á formación, reciclaxe profesional e busca de emprego para persoal do naval galego e da industria auxiliar que perdese o seu posto de traballo. A proposta do comisario de Emprego vén de ser enviada ao Parlamento e ao Consello para ser aprobada. Nesta ligazón, o comunicado oficial en inglés e nestoutra, unha tradución automática ao galego.
O pleno de Ourense aproba a moción do BNG a prol da dimisión do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, con 24 votos a prol (PSdeG, PP, C's, o propio BNG e os edís díscolos de Democracia Ourensana) e 2 en contra (o do propio Jácome e o seu tenente de alcalde, Armando Ojea). A corporación ten 27 membros, pero aínda non tomou posesión o restante edil de DO. Na imaxe, do Concello de Ourense, a sesión plenaria -celebrada no salón de plenos da Deputación-.
A Xunta amplía as restricións polo coronavirus a Laxe, Lalín, A Guarda, O Rosal, Vilaboa e Poio. Así o vén de comunicar a Consellería de Sanidade, que especifica que as restricións relativas ao 50% de capacidade en comercio e hostalaría e en diversas reunións serán publicadas nunha edición extraordinaria do DOG, esta tarde. Ampliamos a información neste espazo
A Xunta adía unha semana o inicio do curso para Secundaria. O alumnado da ESO, Bacharelato e Formación Profesional volverá ás aulas o 23 de setembro, segundo acaba de anunciar o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez. Sindicatos e Anpas foron convocados esta mañá polo novo secretario xeral técnico da Consellería, Manuel Vila, para unha reunión de última hora. Ampliamos a información neste espazo
O BOE publica a derrogación do Real Decreto sobre o uso dos aforros dos concellos, consecuencia do seu rexeitamento polo pleno do Congreso dos Deputados. É o segundo Real Decreto que é tombado pola Cámara Baixa dende que Pedro Sánchez preside o Goberno de España.
O Consello da Xunta aproba definitivamente os festivos de ámbito galego do calendario laboral de 2021 tras consultalo co Consello de Relacións Laborais. Entre os habituais non figura o Día Nacional de Galicia por cadrar en domingo. Ademais destes festivos, cada concello pode elixir outros dous.
O pleno da Coruña pide por unanimidade a dimisión da presidenta do Consello Superior de Deportes, Irene Lozano, e a inhabilitación do presidente da Liga de Fútbol, Javier Tebas, polo caso Fuenlabrada. Fíxoo cunha declaración institucional na que reitera o apoio a "todas as accións legais que se impulsen para esixir responsabilidades" neste caso, que supuxo a importación dun brote de coronavirus coa expedición do equipo madrileño. O texto completo da declaración, nesta ligazón.
O Goberno central non logrará o apoio do Congreso para convalidar o decreto sobre os aforros dos concellos. Así vén de ficar constatado no debate previo á votación, que se celebrará hoxe mesmo. É a primeira derrota parlamentaria relevante do Executivo do PSOE e Unidas Podemos. (Na imaxe, do Congreso, a ministra de Facenda defendendo o texto ante o pleno)
Conseguidos, nun só día, os 32.000€ precisos para contratar a maior enquisa sobre a monarquía española, impulsada por 16 medios de comunicación, entre eles Praza.gal.