28A | Xa están abertos os colexios electorais en toda Galicia. En Praza.gal seguimos a xornada das eleccións xerais ao vivo neste espazo, que se actualiza durante todo o día coas principais novas e incidencias ata o remate da votación.
Fálase
Hai hoxe 40 anos abría ao tráfico o primeiro treito da AP-9, A Barcala-Santiago Norte. RTVE Galicia recupera nesta reportaxe imaxes daquela xornada. Daquela estaba previsto que a concesión a Audasa rematase en 2013, pero dúas prórrogas estendérona primeiro ata 2023 e despois, ata 2048.
Xa está en marcha a manifestación do persoal de Alcoa na Coruña, que rematará ante a sede da Delegación do Goberno para protestar contra a decisión do Executivo central de non aprobar o estatuto electrointensivo, clave para o futuro da planta
O desfile inaugural abre esta tarde o Pontevedra Multisport World Championships, que achega á cidade probas mundiais de duatlón, triatlón de longa distancia, acuatlón, acuabike e triatlón cross
O BNG censura que un edil do PP de Cambre, Manuel María Mora Pita da Veiga, cualifique de "anécdotas" o asasinato de dous concelleiros da corporación polos golpistas en 1936. Malia á oposición dos populares, a iniciativa para dedicar unha rúa a Luciano Costa e José Pérez, edís represaliados, saíu adiante cos votos a prol do Bloque, que a promoveu, e mais de UxC, PSdeG, Asemblea Cidadá e Ciudadanos.
As eleccións do domingo terán tempo solleiro, con temperaturas entre os 28 graos de Ourense e os 21 da Coruña, segundo Meteogalicia. A chuvia desaparece contra o mediodía do sábado e as temperaturas irán en ascenso.
28A | O equipo de Casado calcula que pode perder entre 14 e 74 escanos pero confía en gobernar grazas ao ascenso da extrema dereita. Unha crónica de Íñigo Aduriz en eldiario.es. Esta mesma mañá Casado amosouse por primeira vez disposto a integrar a Vox nun eventual Goberno presidido por el: "Van ter a influencia que queiran ter para entrar no Goberno", afirmou referíndose a esta formación e mais a C's.
O Goberno central non aprobará este venres o estatuto electrointensivo, clave para o futuro das plantas de Alcoa na Coruña e Avilés. Competencia advertiu ao Executivo de posibles eivas do proxecto, o que obriga a adiar a súa aprobación.
28A | Vinte oficinas de Correos estarán hoxe abertas en Galicia ata as doce da noite para atender a forte demanda de xestión do voto por correo. Son medio milleiro en todo o Estado. O prazo para entregar o voto por correo remata o venres.
EPA | O paro aumentou en 5.000 persoas no primeiro trimestre do ano en Galicia ata as 170.841; son 32.600 menos que hai un ano. No mesmo trimestre as persoas a traballar en Galicia descenderon en 7.900 con relación ao trimestre anterior, aínda que son 30.100 máis ocupadas que un ano antes. A taxa de paro queda en Galicia no 12,47%; 43 décimas por riba do trimestre previo e 2,61 puntos menos que hai un ano. Máis información, hoxe en Praza.gal