O BNG censura que un edil do PP de Cambre, Manuel María Mora Pita da Veiga, cualifique de "anécdotas" o asasinato de dous concelleiros da corporación polos golpistas en 1936. Malia á oposición dos populares, a iniciativa para dedicar unha rúa a Luciano Costa e José Pérez, edís represaliados, saíu adiante cos votos a prol do Bloque, que a promoveu, e mais de UxC, PSdeG, Asemblea Cidadá e Ciudadanos.
Fálase
As eleccións do domingo terán tempo solleiro, con temperaturas entre os 28 graos de Ourense e os 21 da Coruña, segundo Meteogalicia. A chuvia desaparece contra o mediodía do sábado e as temperaturas irán en ascenso.
28A | O equipo de Casado calcula que pode perder entre 14 e 74 escanos pero confía en gobernar grazas ao ascenso da extrema dereita. Unha crónica de Íñigo Aduriz en eldiario.es. Esta mesma mañá Casado amosouse por primeira vez disposto a integrar a Vox nun eventual Goberno presidido por el: "Van ter a influencia que queiran ter para entrar no Goberno", afirmou referíndose a esta formación e mais a C's.
O Goberno central non aprobará este venres o estatuto electrointensivo, clave para o futuro das plantas de Alcoa na Coruña e Avilés. Competencia advertiu ao Executivo de posibles eivas do proxecto, o que obriga a adiar a súa aprobación.
28A | Vinte oficinas de Correos estarán hoxe abertas en Galicia ata as doce da noite para atender a forte demanda de xestión do voto por correo. Son medio milleiro en todo o Estado. O prazo para entregar o voto por correo remata o venres.
EPA | O paro aumentou en 5.000 persoas no primeiro trimestre do ano en Galicia ata as 170.841; son 32.600 menos que hai un ano. No mesmo trimestre as persoas a traballar en Galicia descenderon en 7.900 con relación ao trimestre anterior, aínda que son 30.100 máis ocupadas que un ano antes. A taxa de paro queda en Galicia no 12,47%; 43 décimas por riba do trimestre previo e 2,61 puntos menos que hai un ano. Máis información, hoxe en Praza.gal
Traballadores de ENCE e das súas contratas maniféstanse ante a sede central do PSOE na rúa Ferraz de Madrid culpando a Pedro Sánchez do posible peche de fábrica.O Goberno socialista deixou de defender ante a xustiza a prórroga que outorgara o executivo de Rajoy. (Imaxe: @CeaPontevedra)
28A | Ampliado novamente, ata o venres, o prazo para emitir o voto por correo. O número de peticións en Galicia, máis de 67.000, é o segundo maior do século. Inicialmente o prazo remataba hoxe mércores, foi ampliado ao xoves e agora novamente ao venres.
Alumnado da Coruña e Ferrol prepara novas convocatorias de protesta contra o cambio climático, no marco do movemento internacional Fridays For Future. Será este xoves 25 de abril, cunha manifestación entre o Obelisco e a Praza de María Pita, que lle dá continuidade ás mobilizacións que tiveron lugar o mes pasado. Falamos cun dos voceiros do movemento nesta entrevista
Estudantes da Facultade de Ciencias Políticas da USC inician este mércores un peche no centro para alertar das deficiencias que presenta o edificio. Denuncian que eivas na instalación eléctrica "poñen en risco a seguridade" do alumnado ou a "ausencia de espazos de estudos", ademais de criticar o actual sistema de realización de prácticas laborais, "cunha duración desmesurada e sen remuneración económica"