Persoal de Alcoa San Cibrao e compañías auxiliares mobilízase na contorna da factoría mariñá, cortando os seus accesos, tras constatar o bloqueo da multinacional á venda do complexo industrial a Liberty House, operación apoiada polos gobernos español e galego.
Fálase
A Audiencia Nacional absolve a todos os acusados de estafa pola saída a Bolsa de Bankia, entre eles ao ex-ministro Rodrigo Rato, na altura presidente da entidade. A sentenza destaca que o Banco de España e demais supervisores deron o visto e prace á operación. O propio Banco de España dá por perdidos uns 14.000 millóns de euros do rescate público de Bankia.
Joaquim Torra chama a converter nun "plebiscito" as vindeiras eleccións catalás tras ratificar o Tribunal Supremo a súa inhabilitación como presidente da Generalitat por non retirar de instalacións públicas en período electoral pancartas a prol dos líderes soberanistas encarcerados. Diversas informacións a apuntan a febreiro como posible mes para a celebración deses comicios. (Imaxe divulgada por Torra nas redes sociais)
Desaloxado parte do hospital compostelán de Conxo por un incendio. Segundo informa o 112, a orixe do lume estivo "nun almacén de roupa localizado nun dos andares inferiores do edificio", foi detectado por persoal de seguridade e xa foi sufocado. Non obstante, "por precaución", foi preciso desaloxar as persoas "que se atopaban na área dedicada a consultas externas". Na imaxe (de arquivo), vista parcial do complexo.
O Tribunal Supremo ratifica por unanimidade a inhabilitación de Joaquim Torra como presidente da Generalitat catalá, acusado de desobediencia por non retirar da sede do Executivo catalán pancartas na defensa dos líderes independentistas encarcerados, segundo ordenara a Xunta Electoral. Torra preside o Goberno catalán dende 2018.
Berta Dávila e Olga Novo, Premios da Crítica 2019 en narrativa e poesía en galego polas súas obras Carrusel e Feliz idade, respectivamente. Os galardóns son outorgados pola Asociación Española de Críticos Literarios desde 1956, este ano con atraso polo coronavirus.
Persoal de Alcoa péchase nos concellos de Xove e Viveiro a poucas horas de que este luns se reúna a última mesa negociadora para salvar os empregos.
O presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial asegura a xuíces que o rei o chamou para dicirlle que lle "gustaría" ter asistido ao acto de entrega de despachos xudiciais celebrado en Barcelona onde, segundo transcendeu, non estivo por decisión do Goberno de España. Carlos Lesmes, que foi alto cargo nos gobernos de Aznar e ten o mandato caducado, cargou contra o Executivo do PSOE e Unidas Podemos durante o acto. É unha información de TVE
Case un cento de positivos da COVID-19 na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, a que presenta maior incidencia da doenza nos últimos días, proceden dun brote nunha empresa avícola de Cambados. Detállao Pontevedra Viva
A Filmoteca Española recupera as cores orixinais do filme Pontevedra, cuna de Colón, curtametraxe documental de Enrique Barreiro datada en 1927. Será proxectada no CGAI o día 27 de outubro e, dous días despois, haberá posibilidade de vela a través de internet, na canle da Fimoteca. Así explica neste comunicado o Ministerio de Cultura. O vídeo baixo estas liñas explica o proceso que permitiu recuperar as cores orixinais da fita.