Pablo Crespo, antigo número 3 do PPdeG, acumula outra condena de tres anos de prisión polo caso Gürtel, neste caso pola póla detectada no municipio andaluz de Jerez. As condenas foron atenuadas por dilacións indebidas da Audiencia Nacional. Crespo é o primeiro deputado da historia da autonomía galega encarcerado por un caso de corrupción.
Fálase
O Parlamento despide o socialista Xoaquín Fernández Leiceaga, que o deixa tras unha década -en dúas etapas- tras ser elixido senador por designación da Cámara galega. Todos os grupos parlamentarios e o presidente Santalices eloxiaron a súa traxectoria como deputado e desexáronlle sorte no seu novo labor
Un xuíz de Madrid imputa oito xornalistas por informaren do contido dun sumario da Audiencia Nacional contra grupos independentistas cataláns. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia únese ao rexeitamento ao que ve como "un ataque á liberdade de prensa" por "publicar información valiosa e veraz". "O delito de divulgación de segredos é aplicable a funcionarios, non a xornalistas, protexidos polo segredo profesional", agrega a entidade.
Ana Pontón presenta a súa precandidatura á Presidencia da Xunta polo BNG baixo o lema Gañar unha nova Galiza. As asembleas da formación votarán ao respecto nas vindeiras semanas e o proceso de elección, no que cando menos polo momento non se prevén máis candidaturas, concluirá o 18 de xaneiro.
Esquerra Republicana de Catalunya preguntará o luns á súa militancia sobre a postura na investidura de Pedro Sánchez. A formación consultará con esta pregunta: "Concorda con rexeitar a investidura de Pedro Sánchez se previamente non hai un acordo para abordar o conflito político co Estado a través dunha mesa de negociación?".
O Banco de España recalcula o custo do rescate bancario e elévao ata os 65.725 millóns de euros públicos, uns 1.300 máis que nos anteriores cálculos. Deles, 8.600 millóns non recuperados corresponden ao rescate da desaparecida Novacaixagalicia. A variación débese a cambios na estimación do que podería recuperarse coa privatización de Bankia, se finalmente se produce. (Imaxe: BDE)
O Festival dos Eidos, que impulsa a Fundación Uxío Novoneyra, gaña o premio do público do Culturgal 2019 con máis de 1.500 votos. A feira das industrias culturais celébrase do 29 de novembro ao 1 de deecembro en Pontevedra e un ano máis Praza.gal participará nela.
En marcha na sede do Parlamento Europeo en Bruxelas a xornada sobre a "a realidade da represión e o espolio" franquista, organizada polo Grupo de Memoria Histórica na Eurocámara. O máis destacado, en Praza.gal.
A recollida de sinaturas impulsada polo colectivo Defende a Galega para reclamar o cumprimento íntegro da lei dos medios públicos de Galicia, aprobada hai oito anos, supera os 3.500 apoios.
O Concello de Pontevedra volve ser convidado ao Cumio do Clima para expoñer o seu modelo urbano. O consistorio agradece o convite ao evento que acolle Madrid o vindeiro decembro catro anos despois do Cumio do Clima de París, no que Pontevedra tamén participou.