O Parlamento despide o socialista Xoaquín Fernández Leiceaga, que o deixa tras unha década -en dúas etapas- tras ser elixido senador por designación da Cámara galega. Todos os grupos parlamentarios e o presidente Santalices eloxiaron a súa traxectoria como deputado e desexáronlle sorte no seu novo labor
Fálase
Un xuíz de Madrid imputa oito xornalistas por informaren do contido dun sumario da Audiencia Nacional contra grupos independentistas cataláns. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia únese ao rexeitamento ao que ve como "un ataque á liberdade de prensa" por "publicar información valiosa e veraz". "O delito de divulgación de segredos é aplicable a funcionarios, non a xornalistas, protexidos polo segredo profesional", agrega a entidade.
Ana Pontón presenta a súa precandidatura á Presidencia da Xunta polo BNG baixo o lema Gañar unha nova Galiza. As asembleas da formación votarán ao respecto nas vindeiras semanas e o proceso de elección, no que cando menos polo momento non se prevén máis candidaturas, concluirá o 18 de xaneiro.
Esquerra Republicana de Catalunya preguntará o luns á súa militancia sobre a postura na investidura de Pedro Sánchez. A formación consultará con esta pregunta: "Concorda con rexeitar a investidura de Pedro Sánchez se previamente non hai un acordo para abordar o conflito político co Estado a través dunha mesa de negociación?".
O Banco de España recalcula o custo do rescate bancario e elévao ata os 65.725 millóns de euros públicos, uns 1.300 máis que nos anteriores cálculos. Deles, 8.600 millóns non recuperados corresponden ao rescate da desaparecida Novacaixagalicia. A variación débese a cambios na estimación do que podería recuperarse coa privatización de Bankia, se finalmente se produce. (Imaxe: BDE)
O Festival dos Eidos, que impulsa a Fundación Uxío Novoneyra, gaña o premio do público do Culturgal 2019 con máis de 1.500 votos. A feira das industrias culturais celébrase do 29 de novembro ao 1 de deecembro en Pontevedra e un ano máis Praza.gal participará nela.
En marcha na sede do Parlamento Europeo en Bruxelas a xornada sobre a "a realidade da represión e o espolio" franquista, organizada polo Grupo de Memoria Histórica na Eurocámara. O máis destacado, en Praza.gal.
A recollida de sinaturas impulsada polo colectivo Defende a Galega para reclamar o cumprimento íntegro da lei dos medios públicos de Galicia, aprobada hai oito anos, supera os 3.500 apoios.
O Concello de Pontevedra volve ser convidado ao Cumio do Clima para expoñer o seu modelo urbano. O consistorio agradece o convite ao evento que acolle Madrid o vindeiro decembro catro anos despois do Cumio do Clima de París, no que Pontevedra tamén participou.
Montse Dopico gaña o premio Alfredo Vicenti de Xornalismo Cívico que convoca o Ateneo de Santiago cunha entrevista publicada en Praza.gal á profesora e investigadora da UDC Belén Fernández Suárez a respecto dos seus estudos sobre as migracións. O traballo de Montse Dopico tamén foi distinguido a pasada semana cun dos premios Comunicar en Igualdade, que galardoaron dúas reportaxes publicadas en Praza.gal