En marcha na sede do Parlamento Europeo en Bruxelas a xornada sobre a "a realidade da represión e o espolio" franquista, organizada polo Grupo de Memoria Histórica na Eurocámara. O máis destacado, en Praza.gal.
Fálase
A recollida de sinaturas impulsada polo colectivo Defende a Galega para reclamar o cumprimento íntegro da lei dos medios públicos de Galicia, aprobada hai oito anos, supera os 3.500 apoios.
O Concello de Pontevedra volve ser convidado ao Cumio do Clima para expoñer o seu modelo urbano. O consistorio agradece o convite ao evento que acolle Madrid o vindeiro decembro catro anos despois do Cumio do Clima de París, no que Pontevedra tamén participou.
Montse Dopico gaña o premio Alfredo Vicenti de Xornalismo Cívico que convoca o Ateneo de Santiago cunha entrevista publicada en Praza.gal á profesora e investigadora da UDC Belén Fernández Suárez a respecto dos seus estudos sobre as migracións. O traballo de Montse Dopico tamén foi distinguido a pasada semana cun dos premios Comunicar en Igualdade, que galardoaron dúas reportaxes publicadas en Praza.gal
O mar devolve oito anos despois a placa dun dos tres policías falecidos intentando auxiliar un mozo que afogou no Orzán. O delegado do Goberno central amosou este martes a identificación do axente atopada na praia por unha muller e que, tras así decidilo a familia, será depositada no museo existente na comisaría de Lonzas.
A Xunta anuncia o remate dunha rotonda dous anos despois de iniciar as obras. A glorieta forma parte dunha senda peonil realizada ao longo da estrada entre Gondomar e A Ramallosa (Nigrán) cuxos traballos a Consellería de Infraestruturas tivo paralizados meses por non ser quen de retirar uns postes eléctricos.
O Goberno portugués ratifica que completará a mellora da liña de tren Porto-Valença malia o atraso das obras. Cando se encargaron os traballos anunciouse que estarían rematados neste 2019, e este martes Jornal de Noticias constatou o atraso, o que fixo que Infraestruturas de Portugal emitise un “esclarecimento” asegurando que “todos os investimentos serão concretizados”. A obra portuguesa, que conta con 125 millóns de Bruxelas, debe compaxinarse coa que aínda vén de iniciar Adif no treito Tui-Vigo.
Entidades de xuristas e de defensa dos dereitos humanos que acudiron como observadoras ao xuízo do procés catalán, entre elas a galega Esculca, emiten un crítico informe a respecto do proceso e da súa sentenza, no que consideran que os acusados non tiveron as "garantías" legais que deberan. Ao tempo, Amnistía Internacional ve na condena a Jordi Sànchez e Jordi Cuixart "unha ameaza aos dereitos á liberdade de expresión e reunión pacífica" e reclama a súa excarceración.
O ex-presidente andaluz José Antonio Griñán (PSOE), condenado a seis anos de prisión polo caso dos ERE. A sentenza inhabilita por nove anos ao tamén ex-presidente socialista da Junta Manuel Chaves. eldiario.es está a debullar a sentenza, que condena un total de 19 ex-altos cargos.
Falece o cantautor portugués José Mario Branco aos 77 anos. na súa dilatada traxectoria colaborou con músicos como o Zeca Afonso e tamén autores galegos como Miro Casabella ou Suso Vaamonde.