A militancia do PSdeG aproba case por unanimidade o acordo progresista para que PSOE e Unidas Podemos formen goberno en España. Coa práctica totalidade de agrupacións recontadas, o 94% dos socialistas galegos optaron polo si.
Fálase
Detido un home en Rábade pola súa posible implicación no homicidio doutra persoa atopada morta este sábado con signos de violencia.
Feijóo alenta a absorción de Ciudadanos polo PP porque "caben no PP" e "sería bo" o "entendemento", afirmou o presidente da Xunta nunha entrevista na COPE, onde como noutras ocasións proclamou que "España é unha nación dende hai 500 anos".
Centos de candeas e un apagón reclaman nas Pontes unha "transición enerxética xusta". Máis dun milleiro de persoas manifestáronse na noite do pasado xoves na localidade pedindo que Endesa continúe coa actividade na planta ante a inevitable fin da queima de carbón.
Falece un traballador tras envorcar o camión que manexaba no interior dunha nave da empresa Lear Corporation no polígono das Gándaras, no Porriño. Segundo informa o 112, "o home faleceu tras quedar atrapado baixo o camión" e os Bombeiros e o 061, que acudiron ao seu rescate, "nada puideron facer por salvarlle a vida". Galicia segue á cabeza do Estado en accidentes laborais graves e mortais, segundo os datos máis recentes.
Docentes do ensino público maniféstanse nas cidades galegas para recuperar os horarios lectivos e mellorar as condicións de traballo. Todas as organizacións sindicais apoian as mobilizacións, que culminarán cunha folga o 12 de nadal. A información da mobilización, neste espazo
Pablo Crespo, antigo número 3 do PPdeG, acumula outra condena de tres anos de prisión polo caso Gürtel, neste caso pola póla detectada no municipio andaluz de Jerez. As condenas foron atenuadas por dilacións indebidas da Audiencia Nacional. Crespo é o primeiro deputado da historia da autonomía galega encarcerado por un caso de corrupción.
O Parlamento despide o socialista Xoaquín Fernández Leiceaga, que o deixa tras unha década -en dúas etapas- tras ser elixido senador por designación da Cámara galega. Todos os grupos parlamentarios e o presidente Santalices eloxiaron a súa traxectoria como deputado e desexáronlle sorte no seu novo labor
Un xuíz de Madrid imputa oito xornalistas por informaren do contido dun sumario da Audiencia Nacional contra grupos independentistas cataláns. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia únese ao rexeitamento ao que ve como "un ataque á liberdade de prensa" por "publicar información valiosa e veraz". "O delito de divulgación de segredos é aplicable a funcionarios, non a xornalistas, protexidos polo segredo profesional", agrega a entidade.
Ana Pontón presenta a súa precandidatura á Presidencia da Xunta polo BNG baixo o lema Gañar unha nova Galiza. As asembleas da formación votarán ao respecto nas vindeiras semanas e o proceso de elección, no que cando menos polo momento non se prevén máis candidaturas, concluirá o 18 de xaneiro.