28M | A Xunta Electoral Central amplía en vinte e catro horas o prazo para entregar o voto por correo nas eleccións municipais, ata o xoves 25 de maio, no horario habitual das oficinas de Correos. Inicialmente fixárao para a véspera, no día 24.
Fálase
#28M | Jácome abandona o debate electoral da TVG ao ausentarse os candidatos de PSdeG e PP. O alcalde de Ourense acusou os aspirantes socialista e popular, Francisco Rodríguez e Manuel Cabezas, de "covardía" e de impulsar unha "trama" na súa contra. O debate seguiu coa única presenza dos representantes de BNG e Ciudadanos. A formación nacionalista cualifica de "vergoña" o acontecido.
A ministra de Transportes fixa para o vindeiro outono a chegada dos trens Avril a Galicia. Nun acto en Ferrol, Raquel Sánchez previu que en "outubro ou novembro" cheguen as máquinas que estaban previstas para entrar en funcionamento no pasado verán.
As Tanxugueiras gañan dous Premios MIN: o de Mellor álbum de música de raíz e o de Mellor álbum en galego por Diluvio, o seu último disco, editado no verán de 2022. Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro eran finalistas en sete categorías e recolleron os seus galardóns na gala celebrada este mércores en Palma de Mallorca.
O PSOE gañaría as eleccións xerais e Sumar, sen Podemos, ascendería a terceira forza, segundo o CIS. O PP recorta distancias cos socialistas, mentres que o espazo que lidera Yolanda Díaz supera a Vox e sobe á custa de Podemos e do Partido Socialista.
O barco que inspeccionará os restos do Villa de Pitanxo prevé saír do porto de Vigo na tarde deste mércores. A súa saída chega logo de que o Ministerio de Transporte formalizase con ACSM Shipping o contrato para a baixada ao buque afundido.
Co gallo do Día das Letras, A banda da Loba publica o videoclip de "Lingua perversa", unha festa na que están acompañadas polos Monoulious DOP e por unha chea de amigos e amigas. O tema é unha das cancións que se inclúen no último traballo discográfico da banda, Xabón Lagarta
Spotify incorpora o galego. A popular plataforma de música e podcast suma 11 novos idiomas á súa interface, entre elas a lingua galega, a partir deste 15 de maio, co obxectivo de ofrecer "unha experiencia aínda máis persoal" ás persoas usuarias, sinala nun comunicado. Nesta ligazón, as indicacións para cambiar o idioma de Spotify nos diversos dispositivos e sistemas operativos, aos que leva incorporando a nosa lingua parcialmente hai xa semanas.
28M | A Casa do Saber de Lugo acolle este serán (19h30) o debate electoral das forzas que actualmente teñen representación no Concello da capital lucense, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Asociación da Prensa de Lugo. Participan a alcaldesa e candidata á reelección, Lara Méndez (PSdeG), o actual tenente da Alcaldía e candidato do BNG, Rubén Arroxo, a candidata do PP, Elena Candia, e a cabeza de cartel de Ciudadanos, Olga Louzao. O debate pódese seguir ao vivo en retransmisión a través de internet [preme aquí para veres a retransmisión en maior tamaño]
28M - ENQUISA | O PSdeG podería continuar gobernando en Vilalba catro anos despois da histórica mudanza no Concello da vila, segundo unha enquisa que publica este luns o xornal El Progreso. Atendendo ao inquérito, a socialista Elba Veleiro mantería a alcaldía como candidata da forza máis votada e con 7 ou 8 edís (actualmente ten 8) seguida polo PP, con 6 ou 7 (ten 7). Para aspirar á maioría na corporación, o PSdeG precisaría o apoio de Vilalba Aberta, que oscila entre 2 e 3 edís (ten 2) ou dun BNG que podería regresar á corporación cun concelleiro.