Spotify incorpora o galego. A popular plataforma de música e podcast suma 11 novos idiomas á súa interface, entre elas a lingua galega, a partir deste 15 de maio, co obxectivo de ofrecer "unha experiencia aínda máis persoal" ás persoas usuarias, sinala nun comunicado. Nesta ligazón, as indicacións para cambiar o idioma de Spotify nos diversos dispositivos e sistemas operativos, aos que leva incorporando a nosa lingua parcialmente hai xa semanas.
Fálase
28M | A Casa do Saber de Lugo acolle este serán (19h30) o debate electoral das forzas que actualmente teñen representación no Concello da capital lucense, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Asociación da Prensa de Lugo. Participan a alcaldesa e candidata á reelección, Lara Méndez (PSdeG), o actual tenente da Alcaldía e candidato do BNG, Rubén Arroxo, a candidata do PP, Elena Candia, e a cabeza de cartel de Ciudadanos, Olga Louzao. O debate pódese seguir ao vivo en retransmisión a través de internet [preme aquí para veres a retransmisión en maior tamaño]
28M - ENQUISA | O PSdeG podería continuar gobernando en Vilalba catro anos despois da histórica mudanza no Concello da vila, segundo unha enquisa que publica este luns o xornal El Progreso. Atendendo ao inquérito, a socialista Elba Veleiro mantería a alcaldía como candidata da forza máis votada e con 7 ou 8 edís (actualmente ten 8) seguida polo PP, con 6 ou 7 (ten 7). Para aspirar á maioría na corporación, o PSdeG precisaría o apoio de Vilalba Aberta, que oscila entre 2 e 3 edís (ten 2) ou dun BNG que podería regresar á corporación cun concelleiro.
28M | A CRTVG comeza a emitir hoxe, luns, os seus debates das eleccións municipais coas candidaturas das sete cidades. O primeiro é o de Vigo e, como todos os demais, é emitido ás 10 da mañá pola TVG, a Radio Galega e o sitio web da corporación e ofrecido en redifusión pola segunda canle da Televisión de Galicia ás 22h45. Na imaxe, un debate organizado pola CRTVG previo ás municipais de 2019 con candidatos e candidatas de Lugo, igualmente ás 10 da mañá.
La Voz de Galicia publica este domingo unha nova entrega da súa sondaxe electoral para as cidades galegas, sen grandes cambios en relación ás anteriores. O PSdeG mantería as alcaldías de Vigo, A Coruña, Lugo e Santiago e o BNG a de Pontevedra. O PP podería facerse co Goberno local de Ferrol por un só edil e, ademais, converteríase na forza máis votada en Ourense, pero necesitaría apoios para chegar ao poder, cun escenario moi igualado entre populares, socialistas e Democracia Ourensana.
Este sábado abriu as portas en Allariz a décimo terceira edición do Festival Internacional de Xardíns baixo o tema central de “A volta ao mundo en once xardíns”
Os xulgados de Ourense confirman a recepción de dúas denuncias de Jácome por revelación de segredos pola publicación dos seus audios, divulgados nos últimos días no xornal La Región. Fontes do TSXG ratifican que ambas se atopan "pendentes de incoar" e que o alcalde de Ourense e aspirante á reelección por DO actúa "contra un medio de prensa escrita". Unha foi formulada o pasado día 8 e a outra, este mesmo venres.
CRISE DE PREZOS | O incremento interanual dos prezos sitúa o IPC no 4,1% en Galicia, que iguala o dato estatal por primeira vez dende o inicio da actual crise de prezos. O custo dos alimentos, acouga lixeiramente o seu incremento, pero aínda seguen sendo un 12,7% máis caros, de media, que hai un ano (unha décima por baixo da media estatal). Este dato permite que o dato da inflación subxacente (a que non ten en conta o dato dos alimentos frescos e os prezos da enerxía) diminúa por primeira vez dende o pasado setembro e quede, na media estatal, no 6,6%.
Persoal da CRTVG principia a nova xornada de folga manifestándose ante Rueda no acto de apertura da campaña do 28M do PP en Santiago. Xunto ao novo día de paro, cadrando co inicio da campaña, os medios públicos afrontan tamén varias demandas xudiciais por "traslados forzosos" e "represalias" ao persoal. O máis destacado do día de folga na CRTVG, hoxe en Praza.gal. [Imaxe: CIG CRTVG]
Rueda informa de que Baltar finalmente compareceu este xoves no seu xuízo por delito contra a seguridade viaria e di que “é bo e procedía”. Fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Castilla y León informaran inicialmente de que Baltar non acudira e de que o xulgado fixaría unha nova data “reservándose a posibilidade de impoñer as sancións que correspondan”. Máis información, hoxe en Praza.gal