As baixas laborais por regras dolorosas serán asumidas ao 100% pola Seguridade Social e durarán o que precise cada muller segundo a prescrición médica. En infoLibre, máis detalles do acordo pechado entre os ministerios de Igualdade e Seguridade Social sobre o texto que se incluirá na nova lei do aborto. Na imaxe, a ministra de Igualdade, Irene Montero, nun acto recente [© Ministerio de Igualdade]
Fálase
Así soa Pano corado, o novo das Tanxugueiras, un "canto ao amor libre e á diversidade". "O noso maior desexo é que cantedes ao noso carón en cada concerto para "rebentar con nós as vellas cadeas dos amores presidiarios", explican as cantareiras na presentación do tema. O videoclip xa pode verse en YouTube e o sinxelo está tamén dispoñible nas principais plataformas musicais. O vídeo é, outra volta, un traballo de Trece Amarillo.
O DOG e o BOE publican o real decreto polo que se nomea presidente da Xunta a Alfonso Rueda. Tras a elección este xoves no Parlamento de Galicia, este sábado tomará posesión do cargo.
- HEMEROTECA | Unha ducia de investiduras de presidentes da Xunta
Rusia cortará o subministro de gas a Europa a través de Polonia tras a sanción do Kremlin a 31 entidades de diferentes países, entre elas a que xestiona o gasoduto polaco. O prezo do gas dispárase un 20%. Foto: CC-BY-SA Boevaya mashina
Detido un traballador do metal que participaba na manifestación do sector na Coruña durante a segunda xornada de folga no siderometal da provincia coruñesa. A CIG condena a "actuación policial totalmente desproporcionada, brutal e inxustificada". Foto: CIG.
O voceiro parlamentario do PP, Pedro Puy, é trasladado ao hospital por mor dunha indisposición durante o pleno de investidura, no que viña de intervir. Foi atendido na unidade de hemodinámica do Clínico compostelán a causa dunha afección cardíaca e quedou ingresado. Substituiuno no resto da sesión o vicevoceiro da formación na Cámara, Miguel Tellado. Na imaxe, Puy nun pleno anterior.
Os líderes de Finlandia apoian oficialmente a adhesión do país á OTAN. O presidente e a primeira ministra anunciaron este xoves o seu apoio á posible unión á organización porque "fortalecería a seguridade" do Estado. Rusia ameazara con despregar armas nucleares se Finlandia ou Suecia entraban na OTAN.
O proxecto de lei do aborto que ultima o Goberno de España devolve o dereito á interrupción voluntaria do embarazo dende os 16 anos sen consentimento familiar e incorpora medidas como a supresión do IVE para os produtos de hixiene feminina ou baixas laborais por menstruacións dolorosas. Son algúns dos contidos do bosquexo da norma ao que accedeu a Cadena SER. Na imaxe, de arquivo, unha mobilización feminista contra a contrarreforma da lei do aborto impulsada polo Executivo de Rajoy, na etapa do ministro Ruiz-Gallardón.
O xulgado autoriza a venda de Barreras a Armón, que quedará co estaleiro por 14,7 millóns de euros. A xuíza explica que o maior cumprimento das obrigas cos acredores permitirá conservar as empresas auxiliares.
Destituída a directora do CNI, Paz Esteban, polo caso Pegasus. O Goberno de España, segundo avanzou El País, liga o cesamento da xefa dos servizos de intelixencia do Estado á confirmación de que Pedro Sánchez e a ministra Margarita Robles foron espiados mediante este sistema de intervención de teléfonos móbiles. Na imaxe (CC-BY-ND Ministerio de Defensa), Esteban na súa toma de posesión en 2020.