Un traballador de Vestas irá en bicicleta de Viveiro a Dinamarca para reclamar que non se peche a planta. Alejandro Paleo, ex-ciclista profesional co Xacobeo-Galicia, prevé chegar ao destino en quince días tras percorrer 2.800 quilómetros, nunha ruta que poderá ser seguida polas redes sociais. Foto: CIG.
Fálase
A Xunta confirma no DOG a ampliación ao 80% da capacidade máxima en eventos deportivos en recintos pechados e ao 100%, no exterior. Ademais, matiza a obriga de manter distancia de seguridade de 1,5 metros en diversas actividades en interiores: cando non sexa posible mantela, prohibe beber ou comer e sinala a obriga de "adecuada ventilación" e demais medidas hixiénicas, alén do uso da máscara. As mudanzas están en vigor dende as 00:00 do sábado, 2 de outubro.
O director José Luis Cuerda, falecido hai ano e medio, é nomeado fillo adoptivo da provincia de Ourense coincidindo coa celebración do Ourense Film Festival (OUFF).
Hoxe celébrase o Día Mundial do Podcast. Boa xornada para escoitares os episodios xa publicados de Retrocorenta -a vindeira semana, un novo-, o novo de Conexión.gal, repasares Nalingua ou Fan fan... Ou tamén, descubrires algo novo no amplo menú de Podgalego.
A Mesa mobilízase na Toxa para reivindicar o uso correcto do topónimo no Foro La Toja, que organiza o grupo hoteleiro Hotusa e no que participan o rei, membros dos gobernos de Galicia e de España e diversos dirixentes políticos e empresariais. Os manifestantes foron afastados da zona pola Garda Civil e o colectivo sinala, a través dun vídeo, "agresións" por parte dos axentes
O xuíz atribúe un delito de asasinato ao último detido polo crime de Samuel Luiz e envíao a prisión provisional comunicada e sen fianza. O TSXG confirma que o maxistrado toma esta decisión ao apreciar "risco de fuga". Na súa primeira comparecencia, o acusado acolleuse ao seu dereito a non declarar. Con esta detención son xa sete as persoas investigadas polo crime, dúas delas menores de idade.
A Xunta confirma que o novo protocolo COVID para pubs e discotecas permitirá un 75% de ocupación en interiores e o 100% nas terrazas con horario de peche ás 4 da madrugada se os locais esixen o certificado de vacinación, de test negativo ou de ter a enfermidade superada. Nos locais que non esixan certificado, a ocupación máxima do interior será do 50% e do exterior, ao 75%; no seu caso, o peche será ás 3. Este novo protocolo está pendente de ratificación polo Tribunal Superior. Alén disto, Sanidade confirma que o mapa de niveis de restricións seguirá sen cambios, con todos os concellos en nivel baixo agás Foz e O Barco (medio).
Un novo detido polo asasinato de Samuel Luiz, acontecido o pasado xullo na Coruña. Está previsto que pase a disposición xudicial entre hoxe e mañá, segundo confirman fontes do TSXG. É a sétima detención polo crime, polo que xa se investiga cinco persoas adultas e dúas menores de idade.
A ocupación máxima nos estadios de fútbol profesional (Primeira e Segunda) volve ao 100% e nos pavillóns de baloncesto da ACB elévase ao 80%. Esta decisión do Consello Interterritorial de Saúde atinxe, no caso galego, ao Celta e ao CD Lugo en fútbol e mais ao Obradoiro e ao Breogán, en baloncesto. Permanecerán limitacións como a obriga de portar máscara e a distancia interpersoal de 1,5 metros e a asistencia "preferente" de persoas abonadas a cada club. Na imaxe, partidos do Obradoiro e do Breogán, antes da pandemia.
A lava da erupción volcánica da illa de La Palma chega ao océano. A Televisión Canaria segue a informar ao vivo da evolución deste fenómeno natural e do seus efectos na poboación. Na imaxe [© Salvamento Marítimo], a lava caendo por un cantil cara á auga.