Un novo detido polo asasinato de Samuel Luiz, acontecido o pasado xullo na Coruña. Está previsto que pase a disposición xudicial entre hoxe e mañá, segundo confirman fontes do TSXG. É a sétima detención polo crime, polo que xa se investiga cinco persoas adultas e dúas menores de idade.
Fálase
A ocupación máxima nos estadios de fútbol profesional (Primeira e Segunda) volve ao 100% e nos pavillóns de baloncesto da ACB elévase ao 80%. Esta decisión do Consello Interterritorial de Saúde atinxe, no caso galego, ao Celta e ao CD Lugo en fútbol e mais ao Obradoiro e ao Breogán, en baloncesto. Permanecerán limitacións como a obriga de portar máscara e a distancia interpersoal de 1,5 metros e a asistencia "preferente" de persoas abonadas a cada club. Na imaxe, partidos do Obradoiro e do Breogán, antes da pandemia.
A lava da erupción volcánica da illa de La Palma chega ao océano. A Televisión Canaria segue a informar ao vivo da evolución deste fenómeno natural e do seus efectos na poboación. Na imaxe [© Salvamento Marítimo], a lava caendo por un cantil cara á auga.
O Consello de Ministros aproba o aumento de 15 euros do Salario Mínimo Interprofesional, que queda en 965 euros. Aplicarase xa nas nóminas deste mes de setembro. O Goberno de España di manter o compromiso de que o SMI acade o 60% do salario medio antes da fin da lexislatura.
Os votos do PP frean a comisión de investigación no Parlamento sobre o baleirado dos encoros por parte de Naturgy e Iberdrola. A solicitude formulouna o BNG e tivo tamén os votos a prol do PSdeG. Os populares argumentaron o seu rexeitamento sinalando que esta é unha competencia estatal e a investigación política, de producirse, terían que ser no Congreso.
Toman posesión os sete novos membros do grupo do PP no Parlamento. Substitúen os conselleiros e conselleiras que formalizaron a renuncia ás actas parlamentarias tras determinar Feijóo que só continuarían como deputados os dous vicepresidentes da Xunta, Alfonso Rueda e Francisco Conde. [Foto: © Parlamento]
Acordo para a prórroga dos ERTE pola COVID ata o 28 de febreiro. A pasada noite, a patronal CEOE sumouse ao pacto no que xa avanzaran os Ministerio de Traballo e Seguridade Social cos sindicatos CC.OO. e UGT. Na imaxe -de arquivo, previa á pandemia- Yolanda Díaz e José Luis Escrivá con representantes sindicais e empresariais.
Tal día coma hoxe de 1975, o franquismo executaba os seus derradeiros asasinatos, entre eles o do vigués Xosé Humberto Baena. O vindeiro mércores (12h), a súa irmá, Flor Baena, imparte unha conferencia ao respecto na Facultade de Historia da USC, no marco do ciclo Pasados incómodos.
O PS mantense como forza máis votada nas eleccións municipais portuguesas, pero perde a alcaldía de Lisboa. No Porto, o independente Rui Moreira repite presidencia da Cámara.
As enquisas a pé de urna apuntan a un empate técnico entre socialdemócratas e democristiáns na pugna por seren a forza máis votada nas eleccións federais alemás, das que sairá o substituto de Angela Merkel na chancelaría. Nesta ligazón pódense seguir as sondaxes e os resultados e nestoutra pódese consultar o sitio web oficial dos comicios.