As eleccións en Euskadi dan a vitoria ao PNV que pasa de 28 a 31 escanos e precisa doutros 7 para obter os 38 que dan a maioría absoluta. Soben tamén os seus ata agora socios socialistas de 9 a 10, ao igual que EH Bildu, de 18 a 22, mentres que a coalición de PP e Ciudadanos baixa de 9 a 5, Podemos de 11 a 6 e entra Vox cun escano.
Fálase
Este domingo electoral hai risco extremo de incendios forestais en boa parte de Galicia. A pasada noite a Xunta deu por controlado o incendio da Pobra do Caramiñal cunha superficie estimada dunhas 47 hectáreas. Meteogalicia prevé para hoxe temperaturas superiores aos 30º ou moi próximas en toda Galicia.
Meteogalicia prevé para este domingo electoral temperaturas superiores aos 30º ou moi próximas en toda Galicia, con treboadas no interior durante a tarde. Valdeorras, o litoral de Pontevedra e o val do Miño nesa provincia e en Ourense teñen aviso amarelo por temperaturas máximas por riba dos 34º.
A Xunta dá por “estabilizado”, que non controlado, o incendio da Pobra do Caramiñal cunha estimación dunhas 60 hectáreas. Na súa extinción están participando medios de toda Galicia e tamén estatais. A imaxe do incendio é de @BrifLaza.
Un incendio na Pobra do Caramiñal afecta xa a máis de 20 hectáreas, superficie mínima a partir da que informa a Xunta. Este venres outros dous lumes de menores dimensións foron controlados en Santiago e Quiroga, este último na imaxe de @BrifLaza.
Un incendio forestal afecta a unha zona arborizada da contorna de Vidán, en Santiago, nas proximidades do Campus sur da USC e mais do Hospital Clínico. Helicópteros contra incendios e un hidroavión, así como efectivos dos Bombeiros, tentan controlar o lume nunha tarde na que os refachos de vento contribúen ao seu avance. (Imaxe: Praza Pública / Cedida)
12X | A Xunta comunica en vésperas das eleccións por carta e teléfono a centos de gandeiros que recibirán axudas para previr danos da fauna salvaxe que lles foran denegadas hai apenas un mes por falta de orzamento. Cóntao Campo Galego Na imaxe, de arquivo, Feijóo e o actual conselleiro do Medio Rural.
Juan Carlos de Borbón retirou 100.000 euros ao mes en billetes dunha conta en Suíza entre 2008 e 2012, aínda sendo xefe do Estado, segundo publica este venres El Confidencial
A Xunta publica a orde para a reapertura dos centros de día no último DOG antes das eleccións do 12X. Política Social aclara que se reactivarán "a partir do 15 de xullo" e unha vez que Sanidade lles aprobe os plans de continxencia. Galicia é a última comunidade en abrir estes espazos. logo de dous meses de conflito e protestas de profesionais e persoas usuarias.
Os xulgados de Santiago retoman este venres a denuncia de borrado de datos do Alvia de Angrois tras varios adiamentos. Ás portas do xulgado, vítimas do accidente volven reclamar xustiza e tamén reiteran a súa petición de investigación independente sobre o acontecido.