Peche definitivo da fábrica de conservas Albo en Celeiro (Viveiro), a derradeira conserveira da Mariña. O grupo chinés Shanghai Keichuang, propietario da conserveira Albo, traslada toda a súa actividade galega á súa planta en Salvaterra de Miño, á que só irán traballar cinco empregadas da fábrica viveirense. [Na imaxe, traballadoras da conserveira © Albo]
Fálase
O 19 de novembro de 2002 o petroleiro Prestige partía en dous e afundía a 130 millas do cabo Fisterra, fronte ás illas Cíes. Vinte anos despois, voluntarios da ONG ecoloxista Greenpeace concentráronse ao carón do santuario da Virxe da Barca, en Muxía, para lembrar o acontecido e solicitar que se implementen decisións "para que algo así non se volva repetir".
"A catástrofe do Prestige foi dramática, pero sería aínda máis devastadora sen a heroica reacción da sociedade civil, que se puxo á fronte da mesma cando as autoridades e o Estado fallaron estrondosamente. Sen o voluntariado, sen as xentes do mar, sen Nunca Máis, non sabemos o que tería acontecido. É xusto que non o esquezamos", afirma Begoña Vila, voluntaria de Greenpeace.
Un milleiro de bombeiros forestais volven ao paro tras traballaren seis meses para a Xunta e reiteran a súa petición de traballaren todo o ano para dedicaren o inverno a labores de prevención. "Defendemos un servizo público de calidade que reverta e inverta as súas funcións e na que a prevención e a atención ás emerxencias no rural sexan a pedra angular das nosas actuacións", sinala o persoal, que pon o foco na dura vaga de incendios sufrida por Galicia o pasado verán. En datas recentes, Medio Rural subliñaba que en 2023 "dous terzos" do dispositivo "traballará todo o ano, xa que todos os postos de traballo de nove meses vanse pasar a doce meses. Na imaxe [Praza.gal / Cedida] , concentración do persoal mobilizado, este venres no Porriño.
Un xulgado de Madrid levanta a suspensión da emisión do selo de Correos que conmemora o centenario do Partido Comunista de España, acordada de maneira cautelarísima reclamada pola asociación denominada Abogados Cristianos. Unha vez atendidas as alegacións da empresa pública, a xuíza conclúe nun auto ao que tivo acceso Praza.gal que o selo foi emitido seguindo as vías legais mediante unha resolución que non foi obxecto de recurso e que as reclamacións do devandito colectivo ultracatólico "motivadas en razóns de orde política", non "desmenten" que así fose. Por iso deixa "expedita a vía para a emisión do selo", que Correos decidiu emitir para conmemorar os cen anos dun partido ao que sinala como "motor das forzas que loitaron pola democracia" durante o franquismo.
Triunfa a moción de censura contra o alcalde de Sada, Benito Portela (Sadamaioría), e os votos dos edís electos polo PP (5), PSdeG (2) e Alternativa dos Veciños (2), desautorizados por cadansúas formacións, fan alcaldesa a María Nogareda, concelleira do grupo menos votado da corporación, quen fora edil de Educación no goberno de Portela, do que tamén participaba o BNG. Portela confirma a súa intención de volver optar á alcaldía nas eleccións do vindeiro maio tras este "golpe antidemocrático", manifestou durante un tenso pleno no que os edís tránsfugas foron fortemente increpados. [Foto: FeC]
Aluvión de renuncias entre o persoal de Twitter tras o ultimato do seu novo propietario, o multimillonario Elon Musk, que continúa a mofarse da situación dende o seu perfil na rede social. Musk instara o persoal a aceptar condicións de traballo moito máis duras ou marchar.
O Estado oficializa a achega de 2 millóns de euros dos fondos europeos para o proxecto Nós de incorporación do galego á intelixencia artificial tras a súa aprobación no último Consello de Ministros. O secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, "agradece ao Goberno de España a súa achega crucial ao que, ata o momento, é o proxecto máis ambicioso da historia no ámbito da dixitalización da nosa lingua, para o que prevemos destinar 15,5 millóns de euros ao abeiro dos fondos europeos Next Generation".
A Xunta publicita a sinatura do seu primeiro “préstamo sustentable” co Banco Santander co que se endebeda ata 2034 por 230 millóns de euros. O Goberno galego non divulga máis condicións do préstamo á marxe de que os cartos irán destinados a “investimentos sociais e ambientais vinculados tamén á Axenda 2030”. Sen ter en conta este préstamo, a débeda pública da Xunta achégase xa aos 12.000 millóns de euros.
A Xunta dará ata tres horas para reparar os equipos de videconferencias e gravación de declaracións nos xulgados. O Goberno galego licita o servizo técnico dos equipos multimedia dos xulgados galegos, que adoitan rexistrar múltiples incidencias que demoran trámites procesuais. As condicións do contrato, de medio millón de euros por dous anos, obrigan á empresa a que as incidencias que deixen fóra de servizo un sistema se resolvan en menos de tres horas se non implican substituír materiais e de sete se hai que facelo. Outro tipo de incidencias deberán resolverse en sete horas se non hai que substituír materiais ou 24 horas se hai que facelo.
A OTAN atribúe os dous mísiles caídos en Polonia ás defensas aéreas da Ucraína. O secretario xeral da organización, Jens Stoltenberg, sinala que esa é a conclusión das súas "análises preliminares" e agrega que non se trata dun ataque premeditado. O Goberno dos EUA tamén apunta a Ucraína e non a Rusia como orixe dos mísiles, que mataron dúas persoas. [Imaxe: © OTAN]