Juan Miguel Diz Guedes, ex-conselleiro de Fraga e ex-delegado de Aznar, deixa a política tras ser elixido concelleiro por Ciudadanos hai un ano en Tui, onde foi alcalde nos oitenta.

Juan Miguel Diz Guedes, ex-conselleiro de Fraga e ex-delegado de Aznar, deixa a política tras ser elixido concelleiro por Ciudadanos hai un ano en Tui, onde foi alcalde nos oitenta.
O persoal de Alu Ibérica na Coruña congratúlase pola convocatoria da mesa de seguimento dos acordos pechados tras a venda da factoría no Ministerio de Industria. "Se estamos xuntos nisto, as cousas empezan a funcionar", sinalou o presidente do comité de empresa, Juan Carlos López Corbacho, ao remate do peche desenvolvido durante a xornada de onte no Concello da Coruña, onde recibiron o apoio do goberno local e do resto da corporación.
12X | A Xunta mantén para as eleccións do 12X as mesmas subvencións aos partidos que no 5A, con mil euros máis por escano que hai catro anos. Logo de baixar as subvencións electorais un 20% nas galegas de 2012, hai cinco anos o PP subiunas en solitario un 33% e para os comicios de abril actualizounas con outro 4,7% que agora mantén.
Un terremoto de 3 graos de magnitude con epicentro en Tordoia foi percibido contra as 23:18 da pasada noite en boa parte da provincia da Coruña. Na imaxe, o epicentro sinalado cunha estrela e mais as notificacións recibidas polo IGN. Máis información, nesta ligazón.
O Congreso aproba a sexta prórroga do estado de alarma polo coronavirus por 177 votos a prol, 155 en contra e 18 abstencións. Pedro Sánchez xa avanzara que a súa intención é que esta sexa a "prórroga definitiva", a través dun texto que sitúa o groso das competencias do desconfinamento nas comunidades autónomas en canto entren na fase 3, solicitude que Galicia xa formulou. (Imaxe: Congreso)
A Deputación de Lugo rexistra a candidatura do cineasta Oliver Laxe para unha das Medallas Castelao 2020. O presidente da institución lucense, José Tomé, destaca "o seu labor no impulso do Novo Cinema Galego", pero tamén "o seu compromiso e implicación na defensa de promoción do medio rural galego, sobre todo na comarca dos Ancares". Hai uns meses, o director d'O que arde relatou para VINTE o seu proxecto cultural e comunitario que está a impulsar na aldea ancaresa da que procede a súa familia.
Membros do comité de empresa de Alu Ibérica péchanse no Concello da Coruña tras reunirse coa alcaldesa, Inés Rey, para esixir o cumprimento dos compromisos de "investimento, viabilidades e garantías laborais" pactados tras a venda da factoría por parte de Alcoa, subliñan. O comité apela ao Ministerio de Industria e á Xunta para unha convocatoria "inmediata" da mesa de seguimento dos acordos.
A Xunta ratifica aos centros de día de maiores e dependentes que non van poder reabrir ata setembro por "prudencia" a causa do coronavirus. Nunha videoconferencia con responsables destes centros, o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, cifrou en "máis de 16 millóns de euros" o total das axudas de "ata 500 euros mensuais" que, di, as familias poderán solicitar para que "as persoas dependentes conten cos coidados necesarios durante as vindeiras semanas"
'Sementeira' sinfónica dende o confinamento. Os membros do coro da Orquestra Sinfónica de Galicia interpretan dende as súas casas a composición popularizada por Fuxan os ventos, obra de Xosé Luís Rivas Mini (música) e Luís Álvarez Pousa (letra).
A Real Academia Galega de Belas Artes prorrogará as celebracións do Día das Artes Galegas ao 2021 "para non deslucir a homenaxe de Domingo de Andrade". A decisión tomouse "ante a imposibilidade de seguir co programa de actividades e actos a causa da pandemia da Covid-19". O 12 de novembro, data que coincide co aniversario da morte do gran arquitecto do Barroco, a institución celebrará un acto na Catedral de Santiago para lembrar "a súa figura e o esplendor da súa obra". Domingo de Andrade construíu a Torre do Reloxo da Catedral de Santiago ou a escaleira tripla de caracol do convento de San Domingos de Bonaval, ademais de parte das catedrais de Lugo e Ourense ou a Casa da Parra e a Casa da Conga, en Compostela