Membros do comité de empresa de Alu Ibérica péchanse no Concello da Coruña tras reunirse coa alcaldesa, Inés Rey, para esixir o cumprimento dos compromisos de "investimento, viabilidades e garantías laborais" pactados tras a venda da factoría por parte de Alcoa, subliñan. O comité apela ao Ministerio de Industria e á Xunta para unha convocatoria "inmediata" da mesa de seguimento dos acordos.
Fálase
A Xunta ratifica aos centros de día de maiores e dependentes que non van poder reabrir ata setembro por "prudencia" a causa do coronavirus. Nunha videoconferencia con responsables destes centros, o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, cifrou en "máis de 16 millóns de euros" o total das axudas de "ata 500 euros mensuais" que, di, as familias poderán solicitar para que "as persoas dependentes conten cos coidados necesarios durante as vindeiras semanas"
'Sementeira' sinfónica dende o confinamento. Os membros do coro da Orquestra Sinfónica de Galicia interpretan dende as súas casas a composición popularizada por Fuxan os ventos, obra de Xosé Luís Rivas Mini (música) e Luís Álvarez Pousa (letra).
A Real Academia Galega de Belas Artes prorrogará as celebracións do Día das Artes Galegas ao 2021 "para non deslucir a homenaxe de Domingo de Andrade". A decisión tomouse "ante a imposibilidade de seguir co programa de actividades e actos a causa da pandemia da Covid-19". O 12 de novembro, data que coincide co aniversario da morte do gran arquitecto do Barroco, a institución celebrará un acto na Catedral de Santiago para lembrar "a súa figura e o esplendor da súa obra". Domingo de Andrade construíu a Torre do Reloxo da Catedral de Santiago ou a escaleira tripla de caracol do convento de San Domingos de Bonaval, ademais de parte das catedrais de Lugo e Ourense ou a Casa da Parra e a Casa da Conga, en Compostela
A CRTVG asegura ser "allea á filtración" da gravación de imaxes previas a unha entrevista da ETB coa ministra Irene Montero, publicadas por ABC e posteriormente pola propia TVG. Advirte nun comunicado con "accións legais a quen" a "acuse de ser a fonte da filtración" e di "rexeitar o uso" desas imaxes que emitiu no Telexornal. O colectivo Defende a Galega pediu este martes á corporación pública que "abra unha investigación independente para saber se a TVG filtrou o off the record" previo a esa entrevista coa canle vasca, que anunciou o luns que valora trasladar o acontecido á Xustiza.
A Deputación Permanente do Parlamento debaterá o xoves a petición de comparecencia de Feijóo formulada por toda a oposición conxuntamente para que expoña "as medidas que ten previsto adoptar para evitar o peche da fábrica de Alcoa en San Cibrao". Aceptala ou rexeitala depende dos votos do PP. Na mesma sesión si comparecerá sobre o mesmo asunto o conselleiro de Industria, Francisco Conde. (Na imaxe, protestas contra o peche, o pasado domingo en Ribadeo -Praza Pública/Cedida-)
A galeguista Daría González xa dá nome a un colexio en Pontevedra, ata agora denominado CEIP Príncipe Felipe. A súa biografía pódese consultar no portal Do gris ao violeta do Concello pontevedrés.
PARO REXISTRADO | As inscricións nas oficinas de emprego descenderon en Galicia en 547 persoas durante o mes de maio, ata as 191.082, pero son 30.277 máis que un ano antes. No mesmo mes, a afiliación á Seguridade Social aumentou en 1.603 persoas, aínda que o total, 976.374, supón 42.032 menos que no mesmo mes de 2019 por efecto da crise do coronavirus. Ampliamos a información neste espazo
A concelleira da Coruña Mónica Martínez dase de baixa en Ciudadanos, pero seguirá como edil "sen pertencer a ningún partido".
A Xunta publicita “unha nova cuneta” na Autovía Ferrol-Vilalba. O Goberno galego divulga a renovación 1.400 metros da drenaxe da estrada nas proximidades das Pontes por 583.000 euros. Na primeira semana de prohibición de actos electoralistas antes do 12X a Xunta xa publicitara unha ducia de asfaltados.