O xuízo pola demanda de despedimento colectivo contra Alcoa será o 3 de decembro, segundo vén de informar o TSXG. A multinacional recorreu o auto do Superior que impide a parada das cubas.
Fálase
O BOE publica a listaxe de países onde os viaxeiros terán que facer probas PCR e ter resultado negativo en COVID-19 un máximo de 72 horas antes antes de viaxar a territorio do Estado español por vía aérea ou marítima. A nova norma inclúe a Portugal, pero non atinxe ás viaxes por terra.
A Xunta reprende os concellos da Coruña, Vigo, Santiago, Ourense e Lugo por "exceso de ocupación nos autobuses urbanos" dous días despois de modificar as restricións do coronavirus para volver permitir ocupar todos os asentos nestes vehículos. Segundo o Goberno galego, está a recibir "queixas nos últimos días" e por iso "lembra" que ten limitadas as prazas de pé a unha sexta parte do espazo e esixe "inspeccións intensivas" a estes gobernos locais.
Xavier Senín, galardoado co Premio Nacional á Obra dun Tradutor, concedido polo Ministerio de Cultura. Como recolle o blog da editorial Hugin e Munin, Senin é autor de máis de 150 traducións ao galego, maioritariamente dende o francés. Súas son, por exemplo, moitas traducións dos álbums de Astérix ao noso idioma. (Imaxe: CC BY-SA AELG)
Alcoa recorre a decisión do TSXG de prohibirlle apagar as cubas da planta da Mariña. A empresa cre "urxente deter a actividade da electrólise" porque "é aí onde se xera a maior parte das perdas" que, aseguran, provocan unha "situación insostible".
A Ministra de Facenda anuncia unha baixada do IVE das máscaras desbotables do 21% ao 4%. María Jesús Montero confirmouno no Congreso, no transcurso do debate das emendas á totalidade dos Orzamentos Xerais do Estado, e concreta que será aprobado a vindeira semana. Esta é unha reclamación que veñen formulando hai meses numerosos colectivos e tamén forzas da oposición. O Goberno de España alegara atrancos na normativa europea, aínda que Bruxelas xa aclarara que o permite, e opuxérase a facelo pola vía das emendas a outras leis actualmente en tramitación no Congreso. (Imaxe: Congreso)
O equipo que desenvolve a vacina da COVID-19 impulsada polo Goberno de Rusia asegura que está a lograr unha eficacia do 92%. É unha proporción semellante á que se atribúe a farmacéutica Pfizer na vacina que está a desenvolver.
A Fiscalía rebaixa de cinco anos a 10 meses a súa petición de cadea para dous empregados de Caixa Galicia por estafar unha anciá ao venderlle preferentes. O xuízo empezou este martes e segundo relata El Progreso o ministerio público reduciu a súa petición porque a muller xa recuperou os 110.000 euros que perdera.
A Xunta estende a todas a comunidades agás Baleares, Canarias e a Comunidade Valenciana a obriga de rexistro de viaxeiros que chegan a Galicia. O DOG renova este mércores a anterior listaxe de territorios, publicada o 16 de outubro e que debía ser actualizada aos 15 días naturais, e inclúe tamén boa parte de Europa, incluído Portugal.
A Consellería de Sanidade confirma que o comité clínico da COVID-19 se reuniu este martes e decidiu manter as restricións vixentes sen máis cambios que os publicados nos últimos días no DOG para o transporte e os espazos de culto relixioso.