O equipo que desenvolve a vacina da COVID-19 impulsada polo Goberno de Rusia asegura que está a lograr unha eficacia do 92%. É unha proporción semellante á que se atribúe a farmacéutica Pfizer na vacina que está a desenvolver.
Fálase
A Fiscalía rebaixa de cinco anos a 10 meses a súa petición de cadea para dous empregados de Caixa Galicia por estafar unha anciá ao venderlle preferentes. O xuízo empezou este martes e segundo relata El Progreso o ministerio público reduciu a súa petición porque a muller xa recuperou os 110.000 euros que perdera.
A Xunta estende a todas a comunidades agás Baleares, Canarias e a Comunidade Valenciana a obriga de rexistro de viaxeiros que chegan a Galicia. O DOG renova este mércores a anterior listaxe de territorios, publicada o 16 de outubro e que debía ser actualizada aos 15 días naturais, e inclúe tamén boa parte de Europa, incluído Portugal.
A Consellería de Sanidade confirma que o comité clínico da COVID-19 se reuniu este martes e decidiu manter as restricións vixentes sen máis cambios que os publicados nos últimos días no DOG para o transporte e os espazos de culto relixioso.
O PP aproba en solitario o teito de gasto da Xunta para 2021, 11.664 millóns que superan por primeira vez os últimos orzamentos do bipartito de 2009. BNG e PSdeG reclamaron investir máis pero sobre todo investir mellor.
A farmacéutica Pfizer asegura que a súa vacina para a COVID-19 é "efectiva ao 90%". GCiencia explica este anuncio algúns dos detalles coñecidos sobre o ensaio clínico e a propia vacina sobre a que, en calquera caso, restan numerosas fases e comprobacións alén da versión da propia compañía. (Imaxe: ©Pfizer)
A Xustiza ordena un inventario dos bens que os Franco teñen no Pazo de Meirás. O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña estima a petición de medida cautelar solicitada polo Estado para inventariar "a totalidade dos bens existentes" no interior e no exterior das Torres. A familia do ditador non poderá retirar nada do presio mentres non finalice esta acción o vindeiro 11 de novembro.
Verónica Boquete ficha polo Milan. A futbolista galega deixa a liga dos EUA para incorporarse ao histórico equipo italiano logo de xogar tamén no PSG, Bayern de Múnic, Tyresö ou Frankfurt.
A Xunta rectifica e permite agora que os grupos de convivencia estable no traballo poidan tamén comer xuntos no comedor de empresa. A Orde de Sanidade do pasado mércores restrinxía só a conviventes o uso en grupo dos establecementos de restauración de centros sanitarios ou de traballo, os únicos aos que permite servizo no local, e este luns unha nova orde permíteo tamén a “persoas traballadoras que formen un grupo de convivencia estable dentro do centro de traballo”.
O grupo empresarial estadounidense Centene, propietario de Povisa, culmina a compra do hospital privado lucense Polusa a través da súa filial española, Ribera Salud, unha vez autorizado pola CNMV. Cóntao El Progreso