Coincidindo co 8M, A Banda da Loba regravou "Pepa", uns dos seus temas máis coñecidos, que estreou hai unhas horas cun vídeo no que o grupo fai un chamamento á "superación, empoderamento e valentía para celebrar o 8M deste 2022".
Fálase
Masmóvil, propietaria de R, negocia a súa fusión con Orange. "Veñen de comezar un período de negociación en exclusiva para combinar os seus negocios en España" ao 50%, comunican ambas compañías nunha nota oficial. A valoración da posible "entidade conxunta" rolda os 20.000 millóns de euros, defenden.
O concelleiro de Urbanismo da Coruña, Juan Díaz Villoslada (PSdeG), presenta este martes a súa dimisión. Adiantárono La Opinión de A Coruña e Radio Coruña, entre outros medios. O Concello coruñés sinala que inicia unha "nova etapa" fóra "da política activa". As súas funcións son asumidas temporalmente pola alcaldesa, Inés Rey.
O Xulgado de Instrución número 2 de Santiago pide colaboración cidadá para "conseguir identificar o cadáver dun home falecido o pasado 5 de marzo" mentres practicaba deporte polo Campus Sur. "É un home caucásico de entre 50 e 55 anos, de 1,76 centímetros de altura, de constitución atlética, pel morena, pelo canoso curto e barba completa e cellas canosas", sinala unha nota feita pública polo xulgado, que agrega que "carece de marcas particulares, agás unha cicatriz de 3x2 centímetros no xeonllo dereito, e non ten tatuaxes (...) vestía unha camiseta de cor azul talla XL e un pantalón curto (...) da marca Kalenji, zapatillas (...) da talla 44 e calcetíns da talla 43-46". "O único efecto persoal que portaba era un reloxo de pulseira metálica con esfera azul da marca Eterna Matic", agrega.
A CRTVG desmárcase da inclusión dunha pregunta sobre "o prezo medio dun gramo de cocaína na rúa" no concurso Atrápame se podes e nun comunicado di estimar que "non estaba no ánimo do programa infravalorar o grave problema que supón a drogadicción", pero que "a formulación desa pregunta non era a adecuada". A corporación pública, que retirou a gravación do programa do seu web, divulga tamén unha declaración da produtora do programa, Voz Audiovisual, que pide desculpas por esta lamentable equivocación". [Imaxe: ©CRTVG]
Inés Rey foi escollida hoxe nova secretaria xeral da Agrupación Socialista coruñesa. A alcaldesa da urbe herculina obtivo o 63% nas primarias, nas que superou a Eva Martínez Acón, ata agora líder do partido na cidade
Inditex suspende "temporalmente" a súa actividade en Rusia, onde ten 502 tendas, sinalando que "nas actuais circunstancias non pode garantir a continuidade das operacións e das condicións comerciais". A multinacional galega, que tamén pecha a súa canle online na Federación Rusa, explica que as tendas operan en réxime de alugueiro, "polo que o investimento non é relevante dende o punto de vista financeiro". Con todo, Rusia constitúe un 8,5% dos beneficios antes de impostos do grupo.
As Tanxugueiras descobren en Lugo o seu espazo no Paseo das palabras do ano, na rúa Menorca da capital lucense. Na iniciativa, promovida polo Concello, participaron as compoñentes do grupo e mais o presidente da RAG, Víctor Freixanes.
O Sergas comezará a aplicar a eliminación de corentenas e de rastrexo para contactos estreitos de positivos COVID dende o luns, día 7. Estas medidas quedarán limitadas aos "ámbitos vulnerables" como centros sanitarios, residencias de maiores ou discapacidade, entre outras.
Ucraína asegura que acordou con Rusia un alto o fogo temporal para posibilitar corredores humanitarios nalgunhas zonas do territorio atacado polo Exército ruso.