As Tanxugueiras descobren en Lugo o seu espazo no Paseo das palabras do ano, na rúa Menorca da capital lucense. Na iniciativa, promovida polo Concello, participaron as compoñentes do grupo e mais o presidente da RAG, Víctor Freixanes.
Fálase
O Sergas comezará a aplicar a eliminación de corentenas e de rastrexo para contactos estreitos de positivos COVID dende o luns, día 7. Estas medidas quedarán limitadas aos "ámbitos vulnerables" como centros sanitarios, residencias de maiores ou discapacidade, entre outras.
Ucraína asegura que acordou con Rusia un alto o fogo temporal para posibilitar corredores humanitarios nalgunhas zonas do territorio atacado polo Exército ruso.
O presidente do TSXG admite agora que o xuízo de Angrois non será ata despois do verán, máis de nove anos despois do accidente. Así o recolle Europa Press. Hai tres meses o propio José María Gómez y Díaz Castroverde recoñecía ás vítimas que a causa durara “moito tempo” e prevía o xuízo para comezos deste ano.
Feijóo equipara o “sufrimento” persoal do Rei emérito por ser investigado co golpe de Estado do 23-F. “A nivel persoal creo que o Rei emérito sufriu moitísimo, posiblemente estes meses foron xunto co 23-F os momentos de maior sufrimento do rei”, di o presidente da Xunta preguntado pola decisión da Fiscalía de pechar as investigacións contra o ex-xefe do Estado porque os seus posibles delitos prescribiron.
A Xunta abre mañá o prazo das axudas de ata 3.000 euros para reformas de eficiencia enerxética nas vivendas, coma o cambio de ventás. Están financiadas con fondos europeos e o criterio para concedelas é a orde de tramitación das solicitudes que cumpran os demais requisitos, a contar dende a vindeira medianoite. As condicións pódense consultar nesta ligazón
A Fiscalía pecha as investigacións ao Rei emérito alegando que os delitos prescribiron. "Detectáronse cotas defraudadas entre 2008 e 2012, todas prescritas menos as de 2012, cando tamén estaba protexido pola inviolabilidade", di unha nota do Ministerio Fiscal, que dá por feito que o ex-xefe de Estado lucrouse con activades alleas á Coroa.
Feijóo deixa entrever que esta tarde confirmará a súa candidatura á presidencia estatal do PP. Nun acto sobre o Plan Estratéxico da Xunta celebrado na sede de La Voz de Galicia (na imaxe), o actual presidente da Xunta e dos populares en Galicia evitou concretar cando prevé abandonar o seu posto no Goberno galego, limitándose a sinalar que non será "nun mes". [Imaxe: CC BY-SA David Cabezón / Xunta]
O festival O Son do Camiño confirma o seu cartel e datas deste ano, no que retoma o formato habitual do 16 ao 18 de xuño en Santiago. As entradas saen á venda o día 9 de marzo.
- HEMEROTECA - VINTE | Vinte imaxes do Son do Camiño
PARO REXISTRADO | As inscricións nas oficinas de emprego aumentaron en Galicia un 0,37% (+577) en febreiro e quedan en 154.509 mentres descenden un 0,36% (-11.394) no total estatal. Así e todo, o paro rexistrado é agora en Galicia un 16,58% inferior ao de hai un ano (-30.719), mentres que a caída estatal é do -22,38%. No mesmo mes, as afiliacións medias á Seguridade Social aumentaron un 0,41% (+4.193) e no total estatal, un 0,34%. O total de poboación afiliada é agora de 1,026 millóns, un 3,23% máis que en febreiro de 2021 (o crecemento estatal é do 4,5%). Máis información, hoxe en Praza.gal