Feijóo deixa entrever que esta tarde confirmará a súa candidatura á presidencia estatal do PP. Nun acto sobre o Plan Estratéxico da Xunta celebrado na sede de La Voz de Galicia (na imaxe), o actual presidente da Xunta e dos populares en Galicia evitou concretar cando prevé abandonar o seu posto no Goberno galego, limitándose a sinalar que non será "nun mes". [Imaxe: CC BY-SA David Cabezón / Xunta]
Fálase
O festival O Son do Camiño confirma o seu cartel e datas deste ano, no que retoma o formato habitual do 16 ao 18 de xuño en Santiago. As entradas saen á venda o día 9 de marzo.
- HEMEROTECA - VINTE | Vinte imaxes do Son do Camiño
PARO REXISTRADO | As inscricións nas oficinas de emprego aumentaron en Galicia un 0,37% (+577) en febreiro e quedan en 154.509 mentres descenden un 0,36% (-11.394) no total estatal. Así e todo, o paro rexistrado é agora en Galicia un 16,58% inferior ao de hai un ano (-30.719), mentres que a caída estatal é do -22,38%. No mesmo mes, as afiliacións medias á Seguridade Social aumentaron un 0,41% (+4.193) e no total estatal, un 0,34%. O total de poboación afiliada é agora de 1,026 millóns, un 3,23% máis que en febreiro de 2021 (o crecemento estatal é do 4,5%). Máis información, hoxe en Praza.gal
A Comisión de Saúde Pública decide eliminar as corentenas de contactos estreitos a partir deste sábado, independentemente de se están vacinados ou non contra a COVID.
Feijóo confirmará mañá, a partir das cinco e media da tarde, se opta ao liderado estatal do PP. Como en 2018, cando anunciou que renunciaba a ser candidato á sucesión de Rajoy, será nunha reunión da Xunta Directiva do PP de Galicia. O presidente da Xunta e dos populares galegos concretouno á saída da reunión en Madrid na que quedou convocado o congreso extraordinario do partido para os vindeiros 1 e 2 de abril. "Dirixireime ao conxunto dos españois para trasladar a miña decisión", resumiu nunha intervención ante os medios nas que anticipou que vai "defender" a presidenta madrileña, Díaz Ayuso, por ser "honorable".
O Tribunal Supremo comeza a tramitar un dos recursos de Ence contra a anulación da prórroga para seguir ocupando terreos públicos á beira da ría de Pontevedra. Trátase, concretamente, do recurso contra a sentenza da Audiencia que deu a razón a Greenpeace. Máis información, hoxe en Praza.gal
Colectivos culturais da Coruña propoñen mudar o nome do Teatro Colón polo de Teatro María Casares. No centenario do nacemento da actriz, reclaman que o maior teatro da cidade a homenaxee posto que Casares sempre mantivo vínculos coa Coruña a pesar de estar no exilio desde moi nova. [Fotografía de María Casares / Dominio Público Praza Pública]
Galicia ofrécese para acoller a persoas refuxiadas de Ucraína. A Xunta trasladará ao Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migraciones que ten dispoñibles recursos e instalacións para dar amparo a refuxiados ucraínos, faráo nunha reunión para coordinar a resposta do conxunto do Estado diante da fuxida de milleiros de persoas por mor da guerra iniciada por Putin. Como en anteriores ocasións, a chegada de refuxiados a Galicia dependerá do acordado polo Goberno de España. [Na imaxe, o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, nunha reunión coas entidades que forman parte do Programa de protección internacional CC-BY-SA Xunta]
Alejandro Valverde faise co maillot amarelo da Volta a Galicia O Gran Camiño. Despois de ser o primeiro en cruzar a meta na etapa raíña da competición, o ciclista logrou superar ao canadense Michael Woods tamén na contrarreloxo de Sarria. O moañés Delio Fernandez foi o mellor dos galegos na clasificación final, rematando no posto 16, mentres que o ourensán Carlos Canal gañou o premio á combatividade. [Na imaxe, o podio da final © Luis Gomez / Sprint Cycling / O Gran Camiño]
O presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, confirma que haberá unha xuntanza entre as delegacións negociadoras de Rusia e Ucraína na fronteira desta última con Bielorrusia, na beira do río Prípiat. No cuarto día desde que comezou a invasión rusa de Ucraína, Zelenski tamén solicitou amparo ao Tribunal Internacional de Xustiza das Nacións Unidas co obxectivo de acadar o cese da acción militar ordenada por Vladimir Putin. [Na imaxe, Volodimir Zelenski © president.gov.ua]