O antes e o despois. Rube, o lobo mariño rescatado en Valdoviño en novembro, xa está recuperado e embarcará mañá en Vigo para ser soltado no Gran Sol. Foi atopado con poucas semanas de vida e 11 quilos de peso e agora, tras o seu paso polas instalacións da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma), pesa xa 25 quilos. [Imaxe: Xunta]
Fálase
Donald Trump vén de deixar a Casa Branca a bordo do helicóptero presidencial. Ás cinco da tarde, hora galega, comeza a toma de posesión do seu sucesor, Joe Biden.
A Xunta corrixe o decreto de restricións pola COVID-19 publicado a pasada noite para volver incluír a Lugo entre os concellos con peche perimetral. Nunha edición extraordinaria do DOG publicada este mesmo mércores, o Goberno galego evidencia que "cómpre emendar o erro padecido pola omisión do concello de Lugo". O conxunto de medidas mantense, deste xeito, sen cambios a respecto do anunciado. Na imaxe, control policial na cidade de Lugo polas restricións da pandemia.
Dende a pasada noite están no DOG as novas restricións aprobadas pola Xunta fronte á COVID-19, en vigor dende a vindeira media noite. Inclúen un novo nivel de medidas reforzadas en Arteixo, Viveiro e Xinzo, peches perimetrais en 55 novos concellos e a suspensión do deporte federado de nivel autonómico en toda Galicia. Podes consultar todas as medidas sobre o mapa nesta ligazón.
Endesa anuncia o peche definitivo da central térmica das Pontes tras fracasar as probas con biocombustibles. A empresa atribúe a decisión a un "cúmulo de razóns, especialmente de carácter medioambiental".
A Avogacía do Estado pide ao Tribunal de Estrasburgo que rexeite o recurso da familia do cámara galego José Couso, asasinado por disparos de militares dos EUA en Iraq. Faino apelando á reforma da xustiza universal de 2014, que xa obrigou a pechar o caso.
Os colexios Saco e Arce, Marcos da Portela e Fernández Latorre, de Ourense, A Coruña e Pontevedra, gañan o concurso ‘Contádenos o voso Día das Letras de Ricardo Carvalho Calero’. Parte dos seus traballos poden verse nos vídeos enlazados no nome de cada centro.
A xustiza suspende o adiamento das eleccións catalás, que volven ser o vindeiro 14 de febreiro. O Superior catalán bota abaixo a intención do Govern de celebrar os comicios o 30 de maio. En Galicia, os comicios previstos para o 5 de abril foron aprazados ao mes de xullo.
Acordo entre empresarios e sindicatos para prorrogar os ERTE ata o 31 de maio. A CEOE dá ao visto e prace que xa deran as centrais. En Galicia hai máis de 30.000 persoas acollidas a un expediente deste tipo.
A Xunta endurece as restricións nos concellos de Arteixo, Viveiro e Xinzo pola alta incidencia do coronavirus con medidas adicionais ao nivel máximo de alerta. Nestes tres municipios, a hostalería terá que pechar "por completo" e será suspendida toda actividade "non esencial", aspecto que Sanidade aclarará esta mañá pero que, avanza, inclúe "ximnasios, establecementos de xogo, todos os espectáculos públicos e as bibliotecas". Máis información, esta mañá en Praza.gal. Na imaxe, vista de Viveiro (© Turismo de Galicia)