O Sergas incorpora un servizo de videointerpretación para atender as persoas xordas nas urxencias sanitarias, que estará dispoñible 24 horas e 365 días ao ano no 061, en todos os servizos de urxencias hospitalarias e nos PAC. O conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, anunciouno no PAC da Casa do Mar da Coruña [na imaxe, CC-BY-SA Consellería de Sanidade], un dos 90 centros nos que se incorpora este servizo en toda Galicia, segundo a Xunta. Esta medida vén dun acordo unánime acadado no Parlamento.
Fálase
O PSOE pide a Ábalos que entregue a súa acta de deputado por "responsabilidade política" tras o caso Koldo. A executiva do partido espera que o ex-ministro abandone "nas próximas 24 horas".
Gandeiros e gandeiras galegas participan en Madrid na gran tractorada polo futuro do agro. SLG, Unións Agrarias ou Asaga apoian as marchas que conflúen ante o Ministerio de Agricultura.
O I Foro da Investigación Galega no Estranxeiro (FIGaE) celebrarase en Bruxelas entre os días 8 e 9 de marzo, organizado por Investigal. O obxectivo é establecer unha rede que conecte o persoal investigador que se atopa fóra de Galicia, tanto para buscar posibles sinerxías como para manter o contacto co ecosistema investigador galego. Ademais dos propios investigadores e investigadoras participarán representantes da Axencia Galega de Innovación (Gain) e doutros organismos dedicados á investigación en Galicia, como as universidades ou o CSIC.
O temporal volveu deixar este domingo valores extremos de velocidade do vento (147 km/h no Xistral en Muras ou 136 km/h no Penedo do Galo en Viveiro) e chuvia, con máis de 80 l/m2 recollidos ata o mediodía na Serra da Faladoira en Ortigueira e preto de 70 l/m2 en Abadín, Fornelos de Montes, Pedrafita do Cebreiro, Avión ou Redondela, segundo os datos de Meteogalicia.
O Panteón de Galegos Ilustres acolleu estre sábado a homenaxe a Rosalía de Castro organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), na que se leu o manifesto deste ano do Día de Rosalía, realizado por Carlos Callón.
Alerta vermella por temporal costeiro en todo o litoral galego. Emerxencias actívaa atendendo aos fenómenos meteorolóxicos adversos prognosticados por Aemet dende o mediodía deste venres. As alertas actualizadas pola Axencia Galega de Emerxencias pódense consultar nesta ligazón e os avisos de MeteoGalicia, nestoutra. Na imaxe, de arquivo, un recente temporal na Coruña.
A Xunta actuará "de urxencia" para frear "as humidades" que afectan o Panteón de Galegos e Galegas Ilustres. O conselleiro de Cultura en funcións visitou este xoves o mausoleo sito na igrexa de San Domingos de Bonaval e asegurou que "a obriga de todos é garantir a súa conservación como símbolo do progreso do pobo galego e de honra á memoria das persoas que máis contribuíron a reafirmar a identidade de Galicia". Esta acción pretende conter o deterioro á espera dun plan integral de rehabilitación liderado polo Consorcio de Santiago. A lei que regulará este "símbolo de Galicia", aprobada por unanimidade no Parlamento, aínda se está a desenvolver. [Fotografía: Conchi Paz/Xunta]
Marta Lois regresa á súa praza como docente na Universidade de Santiago de Compostela pero afirma que seguirá vinculada a Sumar. A que foi candidata da formación para o 18F asegura que vai seguir "remando" no proxecto pero non concreta cal será o seu rol no futuro, así o manifestou antes da reunión da promotora de Sumar Galicia –como recolle Europa Press– que este xoves analizou o resultado electoral que os deixou fóra do Parlamento.
Iñigo Urkullu comparece desde a Lehendakaritza para anunciar que Euskadi celebrará as súas eleccións o 21 de abril. O lehendakari, que non se presentará á reelección polo PNV, explica que a obriga do seu goberno foi "ofrecer resultados" para "mellorar a vida" da veciñanza de Euskadi. Urkullu celebra as once novas competencias conseguidas tras negociar co Goberno de España e pon en valor os acordos con outras formacións acadados dentro do propio Euskadi, sinalando que ese "diálogo" dá "sentido á democracia". [Fotografía CC-BY-SA EAJ-PNV]