Marta Lois regresa á súa praza como docente na Universidade de Santiago de Compostela pero afirma que seguirá vinculada a Sumar. A que foi candidata da formación para o 18F asegura que vai seguir "remando" no proxecto pero non concreta cal será o seu rol no futuro, así o manifestou antes da reunión da promotora de Sumar Galicia –como recolle Europa Press– que este xoves analizou o resultado electoral que os deixou fóra do Parlamento.
Fálase
Iñigo Urkullu comparece desde a Lehendakaritza para anunciar que Euskadi celebrará as súas eleccións o 21 de abril. O lehendakari, que non se presentará á reelección polo PNV, explica que a obriga do seu goberno foi "ofrecer resultados" para "mellorar a vida" da veciñanza de Euskadi. Urkullu celebra as once novas competencias conseguidas tras negociar co Goberno de España e pon en valor os acordos con outras formacións acadados dentro do propio Euskadi, sinalando que ese "diálogo" dá "sentido á democracia". [Fotografía CC-BY-SA EAJ-PNV]
O colectivo Defende a Galega "aproveita" que o director xeral da CRTVG "fai hoxe 75 anos" para "instalo a se retirar e dar paso a unha dirección xeral conforme á lei". Alfonso Sánchez Izquierdo foi elixido por Feijóo tras chegar á Xunta en 2009, aínda cando estaba en vigor a lei da CRTVG que permitía esta designación directa. Dende 2011 rexe a norma segundo a cal o posto debe ser elixido por maioría reforzada do Parlamento, pero unha reforma introducida pola Xunta en 2015 permítelle estar no cargo por tempo indefinido.
Rueda pide "uns días de prazo" para elixir o seu novo Goberno: "Isto non quere dicir confirmar nin desmentir a ninguén", engade. O presidente tamén evita confirmar ou desmentir se Miguel Santalices, presidente do Parlamento desde hai 8 anos, seguirá á fronte da Cámara.
Crean unha guía de streaming colaborativa de series e películas en galego: Vogal. Un proxecto impulsado por Inés San Luís que toma como referencia a base de datos de The Movie Database e no que as persoas usuarias poden realizar modificacións. Trátase de unificar nun mesmo sitio todos os contidos para despois acceder a eles desde a plataforma en liña na que se atopen.
O PP designa a delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, como presidenta da súa xestora nesa cidade tras a dimisión de Marta Fernández-Tapias. O presidente provincial do partido, Luis López, di que Ortiz seguirá "ofrecendo alternativas sólidas aos vigueses".
A dirección do PSdeG anuncia cambios orgánicos e insiste en que o futuro pasa por Besteiro. O secretario xeral, Valentín González Formoso, asegura que o candidato á Xunta tivo "escaso tempo" para explicar o seu proxecto.
Gastronomía | Que está a pasar na Mariña? A Mariña atravesa un momento crucial en termos turísticos e gastronómicos cunha estratexia que vai máis alá da hostalaría. Unha reportaxe de Jorge Guitián en VINTE
O PP descualifica a Democracia Ourensana como "desastre absoluto" e "populista" tras o 18F e menos dun ano despois de repartirse con Jácome o Concello e a Deputación de Ourense. Así o afirmou a secretaria xeral dos populares, Paula Prado, a pasada noite nunha entrevista en TVE. Prado asinou o pacto do PP co partido de Jácome tras as municipais de 2023. DO terá un escano no novo Parlamento pero, ao contrario do que aspiraba, non terá influencia ningunha na conformación da maioría de Goberno.
García-Page felicita a Rueda e alégrase de que "non gañase Puigdemont" en Galicia. O presidente socialista de Castilla-La Mancha celebra que non entren actores "independentistas" tras o 18F para poder manter a "estabilidade constitucional".